A dixitalización e os baixos salarios deixan 13.841 empregos vacantes na Galiza

O informe do Instituto Galego de Estatística publicado onte sobre vacantes de emprego indica que a maior parte dos postos de traballo sen ocupar están nas grandes empresas. Ademais, nos procesos selectivos cada vez valórase máis o coñecemento tecnolóxico.
Persoal de enxeñaría traballando nunha factoría cun alto grao de automatización e dixitalización. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal de enxeñaría traballando nunha factoría cun alto grao de automatización e dixitalización (Foto: Nós Diario).

O emprego segue a ser un dos temas que máis preocupa na Galiza. A principios deste mes o Ministerio de Traballo e Economía Social informaba de que no país hai un total de 139.343 persoas desempregadas. Días despois a Xunta da Galiza anunciaba que utilizaría a intelixencia artificial para “vixiar” e facer “un seguimento personalizado” nos casos de demandantes de longa duración, unha proposta criticada de maneira inmediata por sindicatos como a CIG e CCOO.

Por último, esta mesma sexta feira, o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicaba os datos de vacantes nas empresas galegas no primeiro trimestre de 2023, sinalando as diferenzas que existen entre as demandas das grandes e as pequenas compañías, así como a preparación e titulación que exixen as mesmas. 

O informe facilitado polo IGE sinala que as empresas galegas contaban cun total de 13.841 vacantes de emprego no primeiro trimestre de 2023, o que supón un incremento de máis de 1.000 respecto aos tres meses anteriores (+8,1%). Ademais, a maior parte están concentradas nas de maior tamaño (8.681). Pola contra, 85% das máis pequenas (menos de dez persoas asalariadas) aseguraban que  “non necesitar ningunha persoa máis”. 

Salarios moi baixos

Precisamente sobre o mantemento e a recuperación do emprego tratará un seminario internacional deseñado pola Universidade de Vigo (UVigo). O evento decorrerá na Facultade de Dereito do campus de Ourense os días 15 e 16 de xuño.

O membro do comité organizador e catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Jaime Cabeza, considera, en declaracións a Nós Diario, que hai varias circunstancias que inflúen na situación actual do emprego e na súa demanda na Galiza que hai que ter en conta.

“Somos un país de salarios moi baixos, é evidente”, asegura, “con 1,2 de cada cinco traballadoras e traballadores cobrando o salario mínimo interprofesional (SMI)”. Ademais, apunta como “un problema moi grave” que existan na Galiza “moitos convenios colectivos que aínda non están renovados”.

Pon como exemplo que o convenio en Pontevedra de Oficinas e Despachos non se renova desde 2009. “Teoricamente abonda con que ese persoal cobre o SMI”, alerta. Neste sentido pon o foco na Consellaría de Emprego , que cre que “ten que facer política de verdade e exixirlle ás partes que actualicen a actual rede de convenios”. 

Sobre este papel do Goberno galego, Cabeza ten claro que “as políticas de emprego son políticas de proximidade” nas que, no caso galego, as competencias da Xunta da Galiza “son moi amplas e deberían ser máis amplas as dos Concellos”. Lembra este catedrático que as políticas activas de emprego están transferidas á Galiza desde 1997. 

Novo paradigma produtivo e colectivos

Outro dos datos que sinala o informe do IGE é o número e vacantes que requiren titulación superior STEM, acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Neste caso, a demanda sen cubrir nas empresas galegas sitúase nun total de 2.720 persoas, coincidindo a cifra tamén con aquelas dun maior tamaño (entre as que teñen de 500 ou máis asalariados precisaríanse 958; e as que teñen entre 100 e 499 asalariados serían 954). 

“Estamos nun momento en que se introduciu un novo paradigma produtivo no emprego, coa chegada da robotización, o internet das cousas e dixitalización" polo que considera que "os traballos mudan rapidamente”, asegura Cabeza. Como consecuencia desta nova situación no mercado laboral, “moitas persoas están quedando fóra neste proceso de adaptación tecnolóxica", advirte. 

Ademais, este catedrático de Dereito e Seguridade Social  introduce outra característica significativa relacionada con colectivos que entende como “claramente desfavorecidos” por este novo paradigma produtivo actual. “Un dos casos máis claros é o das mulleres. É algo evidente que nas STEM seguen a estar nunha situación de privilexio os homes”, explica. 

Outro grupo que padece unha mala situación laboral na actualidade e que tamén quedaría fóra deste novo paradigma estaría relacionado coa idade. “Hai persoas desempregadas de longa duración que se atopan por riba dos 50 anos e, pola contra, tería dificultade para entrar no mercado laboral a mocidade”, relata Cabeza. 

Por último hai un colectivo que tamén continúa con problemas para atopar traballo: o da discapacidade. Sobre este tema, o catedrático está a traballar desde a Universidade de Vigo na elaboración dun “libro branco” coa intención de pór ao día a situación laboral deste grupo social.

Para estas traballadoras e traballadoras, apunta que “a tecnoloxía pode ser unha oportunidade”, mais existen barreiras laborais “que van máis alá da mobilidade, de ollar cara a este colectivo como o das persoas que van en cadeiras de rodas” e non contar “coas persoas que teñen problemas mentais e están máis desfavorecidas”.

Comentarios