A fenda de xénero salarial chega na Galiza a 18,6%

A CIG reclama medidas reais contra as discriminacións retributivas.
Esther Mariño e Nicosala Castro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Esther Mariño e Nicosala Castro (Foto: Nós Diario).

A fenda de xénero é de 18,6% e seguen sendo os sectores máis feminizados os que contan cos salarios máis baixos. Son datos de 2021 que lembra a Secretaría das Mulleres da CIG para anunciar unha campaña coa que queren identificar as causas das discriminacións retributivas, exemplificándoas ademais con denuncias de casos concretos, e reclamar medidas reais para rematar con esta situación.

Baixo o lema "Imos rematar coa fenda salarial", a central nacionalista convocou unha mobilización para o 29 de maio, ás 12 horas en Mos (comarca de Vigo), diante das instalacións da empresa COPO Galiza, e un Encontro Nacional de Delegadas para o 7 de xuño no Auditorio Municipal de Vigo que irá acompañada dunha concentración na Inspección de Traballo

Salarios máis baixos

Segundo a secretaria confederal das mulleres da CIG, Nicolasa Castro, os sectores con máis man de obra feminina son os que contan cos salarios máis baixos.

Ademais, nalgúns casos, nin a formación adecuada beneficia as mulleres na mesma medida que os homes, pois os datos apuntan que mesmo as mulleres menores e con máis formación que os seus compañeiros cobran un 11% menos que eles de media.

Así mesmo, a diferenza salarial resulta en pensións máis baixas para as mulleres.

"Temos carreiras de cotización inferiores e bases de cotización máis baixas. Por iso, a día de hoxe, a diferenza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de 391,23 euros mensuais, superando xa a fenda de xénero en 34%", sinalou Nicolasa. 

Para visibilizar no concreto as discriminacións, a CIG iniciará as mobilizacións diante da empresa Copo Galicia, do sector da automoción. Nas súas  instalacións traballan arredor de 50 persoas, a metade mulleres e a metade homes, que teñen convenios diferentes por xénero.

Comentarios