Aprobada a reforma das pensións que o Goberno español pactou con CCOO e UXT: como calculo a miña prestación?

Estas son todas as novidades que introduce a reforma das pensións e que esta quinta feira presentou José Luis Escrivá. Aprobouse como real decreto-lei, mais o ministro abriu a porta a que se tramite como proxecto de lei no Congreso para que os grupos poidan introducir emendas.
O ministro titular de Seguridade Social, José Luis Escrivá, presentando as novidades esta quinta feira en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro titular de Seguridade Social, José Luis Escrivá, presentando as novidades esta quinta feira en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Consello de Ministros, reunido con carácter extraordinario, aprobou esta quinta feira a segunda fase da reforma das pensións, que prevé subas de bases máximas e de cotizacións, melloras nas pensións mínimas e o estabelecemento dun modelo dual para calcular a pensión, que dará opción a elixir entre os últimos 25 anos cotizados ou 29 anos, descartando neste caso os dous peores. A reforma, acordada con CCOO e UXT e rexeitada pola patronal, aprobouse como real decreto-lei, aínda que o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, abriuse a tramitala como proxecto de lei no Congreso para que os diferentes grupos parlamentarios poidan negociar a introdución de emendas.

Esta segunda pata da reforma de pensións, que foi negociada con Bruxelas e conta co aval de Unidas Podemos, é un dos fitos vinculados ao cuarto desembolso de fondos europeos. Con ela complétase o paquete total de cambios no sistema da Seguridade Social adoptados nesta lexislatura e recolleitos no Plan de Recuperación. Na rolda de prensa posterior ao Consello, a portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, asegurou que desde Moncloa están "moi satisfeitos" con esta reforma, en tanto que o ministro Escrivá subliñou que esta norma "culmina a modernización" do sistema de pensións e supón un "reforzamento extraordinario" do primeiro piar do Estado de Benestar.

O departamento que dirixe Escrivá estima que a reforma implicará un "substancial" aumento da pensión, en boa medida polo progresivo aumento da sobrecotización que estabelece o Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI), que pasará do 0,6% actual a 1,2% en 2029. Os ingresos do MEI irán destinados a incrementar o Fondo de reserva das pensións, a chamada 'hucha' que, segundo o ministro, partindo de algo menos de 3.000 millóns de euros este ano, chegará a acumular cara a mediados dos 40 entre 120.000 e 130.000 millóns de euros, o dobre do que tivo en 2011 —68.000 millóns de euros—, até o de agora a cifra máis alta.

Estes fondos, precisou, iranse desembolsando "de maneira prudente e flexíbel" entre principios da década de 2030 e os primeiros anos de 2050, co obxectivo de que o sistema afronte as tensións financeiras derivadas das xubilacións dos baby boomers. Fronte ás advertencias da CEOE, Escrivá negou que esta reforma vaia a pór en risco "en ningún caso" a "extraordinaria" evolución do emprego, con case un millón de postos de traballo máis que na época prepandémica e un primeiro trimestre do ano que presentará cifras récord, con perto de 250.000 empregos máis.

Principais mudanzas no sistema de pensións

Escrivá reiterou que o Goberno ve "favorabelmente" que a reforma se tramite como proxecto de lei e asegurou que estará "aberto a todas aquelas achegas que poidan mellorar" o texto, cuxas principais medidas son as seguintes:

  • Modelo dual para determinar a contía da pensión. Poderá calcularse ou cos últimos 25 anos cotizados ou con 29 anos de cotización, dos que se poderán excluír os dous peores, polo que na práctica o cómputo neste segundo caso será de 27 anos. Esta nova opción irase introducindo de maneira progresiva, desde 2027 a 2038, ano no que xa quedarán completamente despregados os 29 anos —menos dous—. Até 2040 poderá elixirse entre esta opción e os últimos 25 anos, mentres que do ano 2041 a 2043 a opción de 25 anos subirá a razón de seis meses por ano, desde 25,5 anos en 2040 a 26,5 anos en 2043, podendo elixirse entre este período ou os 29 anos menos dous. A partir de 2044 xa non se poderá elixir e a pensión calcularase con 27 anos efectivos de cotización —29 anos menos os dous peores—. De oficio, mentres existan as dúas alternativas, a Seguridade Social sempre aplicará a máis vantaxosa para a persoa traballadora.
     
  • Cota de solidariedade. Estabelécese unha cotización para a parte do salario que non cotiza por superar a base máxima. Esta será de 1% en 2025 e irá aumentando a un ritmo de 0,25 puntos por ano até chegar a 6% en 2045 —5% a cargo da empresa e 1% a cargo do traballador—.
     
  • Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI). A actual sobrecotización do MEI, de 0,6%, subirá até 1,2% en 2029, a un ritmo dunha décima por ano e coa seguinte distribución: 1% a cargo da empresa e 0,2% a cargo do traballador. Esta sobrecota ficará en 1,2% de 2030 a 2050 e poderá aumentar de maneira automática se o gasto en pensións excede o 15% do PIB.
     
  • Bases máximas. As bases máximas de cotización subirán anualmente co IPC máis un contía fixa de 1,2 puntos entre 2024 e 2050. Isto implicará un aumento acumulado de 38% até 2050. O Goberno avaliará cada cinco anos no marco do diálogo social a subida das bases máximas de cotización e remitirá un informe á Comisión do Pacto de Toledo.
     
  • Pensión máxima. As pensións máximas revalorizaranse ano a ano co IPC anual máis un incremento adicional de 0,115 puntos porcentuais acumulativos cada ano até 2050, o que suporá unha alza aproximada de 3%. A partir de 2051 e até 2065 produciranse incrementos adicionais para que ao final do período, en 2065, a pensión máxima medre de maneira acumulada nun 20%. A partir dese ano valorarase a conveniencia de alcanzar un incremento total de 30%.
     
  • Suba das pensións mínimas contributivas. Estabelécese unha senda de converxencia das pensións mínimas contributivas para asegurar que, desde 2027, non sexan inferiores ao limiar da pobreza calculado para un fogar composto por dúas persoas adultas. Así, tomando como referencia a evolución da pensión mínima con cónxuxe a cargo, irán subindo entre 2024 e 2027 de maneira progresiva, por riba da revalorización media das pensións, por tanto, por riba do IPC. O obxectivo é que a pensión mínima de xubilación contributiva con cónxuxe a cargo alcance no mínimo en 2027 os 16.500 euros anuais —1.178,5 euros ao mes por catorce pagas—, isto é, 22% máis que agora.
     
  • Mellora das pensións non contributivas. Medrarán tamén por riba da revalorización media das pensións, até converxer en 2027 co 75% do limiar da pobreza calculado para un fogar unipersoal.
     
  • Cobertura de lagoas e fenda de xénero. A cobertura de lagoas de cotización mellórase para as mulleres e o complemento da fenda de xénero subirá un 10% adicional á súa revalorización anual no bienio 2024-2025.
     
  • 'Fiscalización' da AIReF. A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal 'fiscalizará' a reforma co fin de que o gasto en pensións non supere 15% do PIB. Para iso, publicará e enviará ao Goberno estatal, desde marzo de 2025 e cada tres anos, un informe de análise sobre como van evolucionando os ingresos. No caso de que detecte un exceso do gasto en pensións, proporanse ao Pacto de Toledo medidas para eliminalo vía aumento das cotizacións ou outra fórmula alternativa que eleve os ingresos ou reduza o gasto en pensións ou unha combinación de ambas.

En todo caso, prevese que, se se atrasan no tempo estas medidas, a cotización do MEI aumente para compensar dúas décimas partes do exceso estimado pola AIReF a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte e outras dúas décimas partes en cada un dos anos seguintes até que se adopten novas medidas do mesmo impacto ou o exceso de gasto sexa corrixido.

Comentarios