A proposta de salario mínimo do comité de expertos non contenta os sindicatos

Pasaría dos 950 euros actuais a entre 1.012 euros e 1.047 euros até 2023
Traballadores nunha obra (Eduardo Sanz / Europa Press).
photo_camera Traballadores nunha obra (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press).

A filtración do borrador da Comisión de Expertos podería sinalar o camiño que seguirá o Goberno español en relación á suba prometida do salario mínimo interprofesional (SMI). 

O texto, que aseguran aínda non é o definitivo, aconsella que o SMI teña un incremento desde 2021 até 2023 de entre un 6,5% e un 10,2%, o que suporía pasar neses tres anos dos 950 euros ao mes actuais a unha cantidade de entre 1.012 euros e 1.047 euros en 14 pagas. Isto sería elevalo entre 62 e 97 euros para situar o SMI nun 60% do salario medio. 

Para a CIG é unha "manobra escura"

A CIG, a través de Francisco González Sío, responsábel de negociación colectiva, amosa a súa "sorpresa" por esta proposta do comité de expertos. "Sabemos que a Unión Europea (UE) xa dixo que debería equipararse o salario mínimo europeo coa premisa de que debería ser un 60% do salario medio de cada Estado membro" polo que considera que esta actuación "ten que ver con dar a entender que a medida non vén imposta por Europa". Sío non entende que "un Goberno español que se di de esquerdas estea lonxe dun de dereitas como é o europeo". 

En relación ao propio comité desde a CIG cren que é "unha manobra escura e preocupante" se se ten en conta que os datos de salario medio na Galiza en 2019 eran de 1.917 euros/mes, o 60% sería 1.150 euros/mes. 

"Coa media estatal aínda sería máis alta, non sabemos de onde sacan os seus datos", afirma Sío a Nós Diario, "tememos que estean a dar unha xustificación para que fagan unha suba mediocre dos salarios e que non cheguemos a aplicar o que a propia UE nos di", engade.  

UXT quere a mesa de diálogo social

Desde UXT afirman que continúan a manter a mesma postura que tiveron até agora sobre o SMI. Mar Martín, responsábel da política sindical de UXT, indica a Nós Diario que "o que queremos é que se reabra a mesa de diálogo social para poder incrementar o SMI e non atrasalo máis". En relación á proposta do comité afirma que "non queremos que sexa unha transición a tres anos, queremos que se realice xa". 

Ademais, apunta que o Goberno español debería "levar a cabo o prometido" e non "buscar un 60% do salario medio". 

Para CCOO valería como referencia

Por parte de CCOO, Maica Bouza, secretaria xeral de emprego, cre que esta análise técnica que sinalan as e os expertos "é un bo punto de partida" para calcular cal debería ser o SMI no Estado español e "a nós válenos como referencia". 

Considera, en declaracións a Nós Diario, que o que están a traballar "é un documento que non é político, polo que non se pode interpretar". Neste caso, Bouza apunta cara ao Goberno español, que sería "quen ten que tomar as decisións políticas". 

En relación aos datos cos que traballou o comité, esta sindicalista considera que "son válidos, tendo en conta que hai moitos tramos de salarios na nosa sociedade". En todo caso, asegura que "aínda que estean un pouco por baixo do que propoñemos nós, non é desproporcionado". 

O fracaso do Diálogo Social en relación ao Salario Mínimo

O fracaso das negociacións no pasado mes de decembro da mesa de Diálogo Social, na que participaron a patronal e as organizacións sindicais CCOO e UXT, provocou que o Ministerio de Traballo solicitase a súa conxelación coa intención de dar seguridade xurídica ás e aos traballadores que estiveran pendentes deste SMI. 

Daquela, o Ministerio de Traballo creou un comité de expertos na que había nun inicio, ademais de persoas expertas do mundo académico, outras propostas polos axentes sociais e o Goberno español. 

A patronal, representada pola Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e a Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (Cepyme) rexeitou participar, xustificando que non está enmarcada esta discusión na mesa do Diálogo Social.

Comentarios