O Goberno español inicia as negociacións do Salario Mínimo Interprofesional

O Ministerio de Traballo manterá unha xuntanza cos patronal e os sindicatos CCOO e UXT. Desde a CIG, central que non foi convidada, demandan que se aumente en 60% do salario medio como estabelece a Carta Social Europea.
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, con responsábeis da patronal e os sindicatos CCOO e UXT (Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, con responsábeis da patronal e os sindicatos CCOO e UXT (Foto: Marta Fernández / Europa Press).

O Goberno español manterá mañá unha reunión coa patronal e cos sindicatos CCOO e UXT para abordar a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) para o vindeiro ano. A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, insinuou nalgunha declaración a súa intención de aumentalo, aínda que sen dar máis datos.

Desde a CEOE cren que non é momento de abordar este asunto e os sindicatos convidados á xuntanza piden que se chegue aos 1.000 euros, 50 euros máis que na actualidade. Así mesmo, a organización de traballadoras e traballadores autónomos UPTA apoiou este aumento sinalando que "un maior poder adquisitivo dos traballadores que menos gañan significaría máis capacidade de gasto para as familias". 

"Unha marxe razoábel", segundo CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, explica a Nós Diario que "é o momento de darlle eses ingresos aos colectivos que teñen os salarios máis baixos" polo que presentan máis dificultades para "saír da pobreza". Por este motivo, considera que os 1.000 euros é "unha marxe razoábel" cando "se aumentan as pensións e os salarios". Afirma que "non se entendería" que houbese unha conxelación este ano.

En relación á postura contraria da patronal diante do aumento do SMI, Bouza cre que "é desmedido". Lembra que "ninguén forzou a patronal para que asinase o acordo  de negociación colectiva cun salario mínimo de 14.000 euros anuais", que xa recolle "eses 1.000 euros", polo que non considera "coherente" esa postura.

Un SMI de 1.150 euros para a CIG

Desde a CIG, o seu secretario xeral, Paulo Carril, explica que a Carta Social Europea estabelece que, cando menos, o SMI ten que situarse en 60% do salario medio -o cal estaría, segundo o INE en 1.917 euros mensuais-. “Isto suporía que, de forma automática, o salario mínimo interprofesional pasase a ser de 1.150 euros”. 

Carril exixe a supresión do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) e que se empregue, no seu sitio, o SMI como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social pública.

"O Iprem foi creado no seu momento coa única finalidade de mermar as prestacións públicas e, polo tanto, dentro da lóxica de avanzar nos baixos salarios e prestacións. Por iso, de se manter como índice de referencia, provocaríase unha situación tremendamente inxusta ".

Comentarios