O fracaso do Diálogo Social arrastra a conxelación do salario mínimo

O salario mínimo interprofesional (SMI) continuará en 950 euros. A negociación entre a patronal e os sindicatos CCOO e UXT no marco do Diálogo Social remata sen ningún acordo e coa perspectiva dun mes de xaneiro no que finaliza a prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). A CIG lembra que os orzamentos xerais do Estado xa sinalaban este final.
Último Consello de Ministros de 2020 no que se aprobou a conxelación do Salario Mínimo Interprofesional (La Moncloa)
photo_camera Último Consello de Ministros de 2020 no que se aprobou a conxelación do Salario Mínimo Interprofesional (Foto: La Moncloa)

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira a prórroga do real decreto que o pasado mes de febreiro deixaba en 950 euros o salario mínimo interprofesional (SMI). O fracaso das negociacións da mesa de Diálogo Social, na que participaron a patronal e as organizacións sindicais CCOO e UXT, provocou que o Ministerio de Traballo solicitase esta conxelación para dar seguridade xurídica ás e aos traballadores que están pendentes deste SMI e que poderían quedar nun limbo legal a partir do 31 de decembro se non se prorrogase.

A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, falara nas últimas semanas en repetidas intervencións da súa intención de subir o salario mínimo para 2021. Os sindicatos estatais piden que chegue aos 1.000 euros, a diferenza da patronal, que cre que non é momento de abordar esta suba, polo que sería a única beneficiada coa conxelación.

O SMI tivo un aumento de 5,5% para 2020, até os 950 euros mensuais por catorce pagas con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro. Coa conxelación manterase en 31,6 euros ao día, 950 euros ao mes e 13.300 euros ao ano. Coa xornada legal, no caso de traballadoras e traballadores temporais e eventuais cuxos servizos a unha mesma empresa non excedan os 120 días o SMI é de 44,99 euros ao ano. Tamén é de 7,43 euros brutos por hora traballada nas empregadas do fogar. 

Marxe para recuperar o Diálogo Social

Desde CCOO darían marxe para retomar o Diálogo Social "sempre que sexa nos primeiros días de 2021", segundo indican fontes deste sindicato a Nós Diario. Insisten en que non admitirán unha conxelación para todo o ano e cren que debería ser de 60% do salario medio. "A suba de alimentos básicos no Índice de Prezos de Consumo (IPC) foi de 2,6% e tamén se aumentaron as nóminas do funcionariado, non se entendería que o SMI quedase igual", indican.

Non descartan mobilizacións se non se "tocan" en xaneiro temas como a derrogación das reforma laborais. Ademais para a seguinte reunión, prevista para o día 8 de xaneiro, está pendente tratar a finalización da prórroga dos expedientes de regulación de emprego (ERTE), que finalizan o día 31 de xaneiro.  

Adulteración da interlocución para a CIG

A CIG reitera a súa oposición a levar temas como o SMI ao Diálogo Social. "Non entendemos nin compartimos que se tivese que levar cando é unha cuestión que estabelece a Carta Social Europea", asegura o seu secretario xeral, Paulo Carril, a Nós Diario, "polo que tería que aplicarse de maneira automática e sen ningún tipo de limitacións". A conxelación do SMI "demostra o que nós levamos tempo dicindo, unha fraude na que outros participan, xerando expectativas de que co Diálogo Social estará a posibilidade de derrogar as reformas laborais e de derrogar a das pensións".

Critica que os sindicatos que agora integran o Diálogo Social formaron parte dalgunhas das políticas que na actualidade queren derrogar, "como é o caso da reforma das pensións, que foi pactada en 2011 por UXT e CCOO co Goberno de Zapatero". Carril argumenta que "todo o que teña que ver co Diálogo Social é unha forma adulterada, prostituída e perversa do que é a interlocución institucional e demostra que hai unha nula vontade deste Goberno de afrontar unha derrogación das reformas e de camiñar cara a unha nova lexislación que dignifique o mundo do traballo".  Ademais lembra que a prórroga estaba anunciada "nos propios orzamentos xerais do Estado". 

A CIG defende a necesidade de que se incremente o SMI, atendendo ás recomendacións da Carta Social Europea, segundo a que tería que ser de, cando menos, 60% do salario medio, que está en 1.917 euros tal e como recolle o Instituto Nacional de Estatística, o que o situaría nos 1.150 euros. 

Comentarios