martes 15/06/21

Galiza "regala" unha xornada laboral cada ano en relación ao Estado español

A CIG presentou o "Informe de Condicións Salariais na Galiza", onde se analiza a situación dos salarios e a situación laboral do persoal traballador no noso país entre 2009 e 2019. A central nacionalista demanda máis políticas públicas e a volta da negociación colectiva para reverter a situación.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (á dereita) e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío (Nós Diario).
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (á dereita) e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío (Foto: Nós Diario).

Dentro das propostas que a CIG vén desenvolvendo na súa campaña para "unha saída galega xusta da crise", a central nacionalista presentou o último Informe de Condicións Salariais na Galiza, elaborado polo seu Gabinete de Economía. Neste documento, a través dun informe de rendas que emprega diferentes fontes como o Instituto Nacional de Estatística (INE) ou as enquisas de condicións de vida, apúntase que cada día que pasa hai máis sectores da clase traballadora galega que son pobres aínda que manteñen o emprego.

"9 de cada 10 contratos son temporais e máis de medio millón de persoas (540.000), ou sexa 20% da poboación, están en risco de pobreza ou na pobreza severa", explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. No informe asegúrase que 47,2% das familias galegas habitan ou viven en condicións insalubres "e chama a atención que 20% destas familias teñen como sustento fundamental os ingresos das mulleres", constata Carril.

A enquisa do mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias e o estudo que presenta achega unha información exhaustiva onde se constata que durante o último ano, comparado con 2009, os ingresos salariais aumentan 9,1% mais o IPC medrou 12,7%, polo tanto hai unha perda do poder adquisitivo de 3,7%. 

Deterioro por idade e nas mulleres

A idade é outro indicador que marca de forma máis grave estas tendencias, segundo o informe. “Ser unha persoa nova na Galiza significa ser sinónimo de precariedade laboral e non só lle afecta o desemprego en maior medida senón a precarización e os salarios baixos”, asegura Carril. No documento apúntase que até os 36 anos non se consegue o salario medio. No ano 2009 unha persoa menor de 18 anos que atopaba un traballo tiña uns ingresos en torno a 3.754 euros anuais e en 2019 ten 1.995, ou sexa un 54,20% menos. 

No caso das mulleres, en 2019 os ingresos medios están en 17.511 euros e nos homes en 22.038 euros, unha fenda salarial de 20,5% que no anterior ano estaba no 21,5%, esta aparente redución da fenda na última década ten que ver coa importancia que significa a maior perda de traballo entre os homes que entre as mulleres, a ocupación masculina descende un 9,7% e a feminina un 5% en dez anos

Tamén hai diferenza por actividades. “No sector da construción e a industria o emprego reduciuse un 39,5% e son ramas con salarios por riba da media e, polo tanto, hai caída”, di Carril. 

Políticas públicas

Para o secretario xeral da central nacionalista a principal reclamación é que “todas as políticas públicas deben camiñar na dignificación das condicións laborais” como a “necesaria urxencia da derrogación da reforma laboral, da reforma da negociación colectiva e das pensións para poder recuperar condicións de vida dignas”.

Por este motivo a CIG propón que o salario mínimo interprofesional (SMI), como recomenda a Carta Social Europea, sexa de 60% do salario medio interprofesional, e estea situado nos 1.150 euros.  Ademais, a central nacionalista rexeita que se negocie o SMI no diálogo social.“Máis que propaganda ten que haber decisións”, sentenza Carril. 

Negociación colectiva

Na presentación do informe, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, presentou a situación dos convenios na Galiza. Segundo a CIG, cando en 2019 neste mes levarían 152 convenios negociados agora mesmo van 77. “O número de traballadores afectados eran 205.000 en 2019, mais este ano son 77.000, moito menos de 50%”, asegura González Sío, “houbo unha prevalencia dos convenios de empresa con respecto á negociación sectorial”, engade.

Ademais deu a coñecer que, de media, na Galiza fanse catro horas máis e, no caso dos convenios de empresa, 8 horas máis que a media estatal.

comentarios