Persoal das residencias volve alzar a voz contra Política Social e demanda máis recursos

Desde o comité urxen tamén separar as persoas maiores dos pacientes con patoloxías psiquiátricas, a quen non poden atender de forma axeitada porque estes centros "carecen de profesionais como psiquiatras". A conselleira Fabiola García volve ficar no albo das críticas.
Protesta do persoal das residencias de maiores diante da sede da Xunta en Vigo, esta quinta feira. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera Protesta do persoal das residencias de maiores diante da sede da Xunta en Vigo, esta quinta feira. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

A denuncia dunha agresión sexual a unha traballadora da residencia Crapd II de Vigo por parte dun usuario en situación de "emerxencia social" segue a ter repercusións máis dunha semana despois. Mentres a Consellaría de Política Social, responsábel deste centro, cuestionou por "discriminatorias" as críticas do persoal asociando a derivación deste tipo de pacientes ás residencias de maiores coa aparición de "problemas de convivencia e seguridade", o comité de traballadoras respondeu cargando duramente contra o departamento que encabeza Fabiola García, que tomou esta decisión, aseguran, "sen reforzar o persoal nin adecuar os espazos" nestes recintos.

E esta quinta feira o persoal mobilizouse diante da sede da Xunta da Galiza na cidade olívica para rexeitar as "políticas" do Goberno de Alfonso Rueda en materia de persoas maiores e mais con patoloxías psiquiátricas, ás que cren que tenta "agochar" ao ingresalas en centros de maiores, "onde non poden recibir unha atención axeitada e de calidade". Urxen, por tanto, un reforzo do cadro de persoal das residencias e unha separación efectiva destes pacientes denominados de "emerxencia social".

"Non hai persoal con formación para estas patoloxías", advertiu hoxe a presidenta do comité de Política Social na provincia de Pontevedra, María Luisa Alonso, da CIG, quen tamén alertou de "roubos" aos residentes por mor da falta de vixilancia. "Para un ancián as súas pertenzas son o máis sacro, e aquí rexistráronse roubos. Nos últimos meses da súa vida, con esta angustia, con persoas máis novas, con forza, pensamos que non poden compartir espazo", dixo.

E non só as persoas maiores, senón tamén as doentes psiquiátricas están "moi mal atendidas" nestas instalacións, pois carecen de profesionais como psiquiatras para tratalos. Aliás, criticou que a Xunta "non substitúa" o persoal que falta ou as reducións de xornada malia teren de por si unhas ratios de traballadores por usuario "moi curtas".

Críticas no Parlamento e peticións de dimisión

Todo isto mentres a figura da conselleira non fai máis que desgastarse por mor doutras polémicas recentes que afectan o seu departamento, como a que esta cuarta feira saíu a colación no Parlamento galego a conta dos supostos avisos aos centros residenciais antes de recibiren a visita do persoal de Inspección. Malia negar a maior fronte aos ataques de BNG e PSdeG, familiares de usuarias agrupadas na Federación REDE demandaron a dimisión de García.

Comentarios