Familiares de usuarias de residencias piden a dimisión de Fabiola García

A conselleira nega preaviso de inspeccións a centros.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, no Parlamento galego. (Foto: Arxina)
photo_camera Fabiola García, esta cuarta feira, no Parlamento galego. (Foto: Arxina)

A conselleira de Política Social, Fabiola García, negou esta cuarta feira que se avise previamente das inspeccións de Servizos Sociais ás residencias, en resposta ás preguntas realizadas no pleno do Parlamento galego. O PSdeG esixiu, ao respecto, unha comisión de investigación "xa" e o BNG acusou o Executivo galego de "priorizar" os xestores destes centros fronte ás traballadoras.

As explicacións da conselleira tampouco convenceron a Rede, Federación Galega de Familiares e Usuarias das Residencias, que a través do seu portavoz, Paulino Campos, pediron a súa dimisión. "A conselleira mente, especialmente ao negar que existisen denuncias neste sentido, cando os chivatazos eran de amplo coñecemento", 
afirmou Campos.

"Se non hai probas é porque nunca ocorreu", recalcou a conselleira na súa intervención, quen dixo que "todas" as reclamacións e queixas que chegan á Consellaría son investigadas. Tamén defendeu que o sistema "funciona" e vinculou tales afirmacións a un intento de "desprestixiar" ou "pór en dúbida" o citado servizo.

Iago Tabarés (BNG) rexeitou, en resposta ao exposto pola conselleira, que exista "transparencia" neste asunto. Pola contra, denunciou "escurantismo" por parte da Consellaría. "Rectifiquen, investiguen as denuncias", insistiu o parlamentario do BNG. Ademais, cuestionou que "só" existan "sete inspectores e inspectoras para o control de 948 centros".

Pola súa parte, Marina Ortega (PSdeG) esixiu a apertura dunha investigación e aludiu a denuncias de particulares e asociacións, pero tamén a un informe do Consello de Contas sobre "irregularidades que non se corrixiron".

Protesta de persoal

O comité de empresa do persoal laboral da Consellaría de Política Social en Pontevedra convocou para hoxe unha concentración en Vigo para rexeitar a política da Xunta da Galiza en centros sociosanitarios "coas persoas maiores e persoas con patoloxías psiquiátricas".

Comentarios