O persoal das residencias estala contra Política Social após a agresión a unha traballadora: "Estamos cansos de mentiras"

O comité de empresa carga contra a Consellaría por "responder na prensa con mentiras e medias verdades" ás súas denuncias de falta de medios e de persoal, ao fío da presunta agresión sexual que sufriu unha traballadora do Crapd II de Vigo por parte dun usuario en situación de "emerxencia social".
A conselleira Fabiola García nunha visita a unha residencia (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A conselleira Fabiola García, nunha visita a unha residencia. (Foto: Xunta da Galiza)

A pasada terza feira o comité de persoal da Consellaría de Política Social en Pontevedra denunciaba unha suposta agresión sexual a unha traballadora do Complexo residencial de atención a persoas dependentes (Crapd II) de Vigo por parte dun usuario dos denominados "de emerxencia social", un incidente en relación ao cal salientaban que a derivación de persoas nesta situación, algúns con patoloxías psiquiátricas e problemas de adición, aos centros de persoas maiores e dependentes, "xerou problemas de convivencia e seguridade" nos mesmos. A Xunta da Galiza tomou esta decisión, aseguraban, "sen reforzar o persoal e adecuar os espazos nestas residencias".

Desde o departamento que dirixe Fabiola García apenas tardaron unhas horas en saír ao paso perante un comunicado no que defendían que a Administración actuara "con total celeridade" en canto tivo coñecemento deste caso "para protexer" a traballadora, que "decidiu non pór denuncia ante a Garda Civil". Tamén afirmaron que o suposto agresor, que xa foi trasladado a outro centro residencial, entrou no Crapd II "por réxime ordinario, e non por emerxencia social", como sinalou o comité de empresa.

E en resposta a estas declaracións da Consellaría toma a palabra de novo esta quinta feira o persoal de residencias agrupado no comité, que asegura estar "canso" de que se responda en prensa ás súas denuncias, aseguran nun comunicado remitido aos medios, "con mentiras e medias verdades" por parte da Xunta. "Non é certo que o agresor fose un usuario de réxime ordinario, nin pola súa idade nin pola súa patoloxía", precisan.

"Estamos fartos de comunicar os problemas que hai nos centros, a falta de persoal e medios e de denuncialo publicamente", salientan, ao tempo que lembran recentes advertencias das familias, a través da plataforma REDE, sobre unha convivencia que "está a tornar imposíbel de controlar".

No que atinxe a este caso concreto, o persoal lamenta que as medidas adoptadas após a agresión "só solucionaron o problema puntual deste centro". O usuario foi trasladado agora "a outro centro, de xestión privada", algo que "complica máis o seguimento de casos deste tipo", pois o persoal "ten unha situación máis precaria que os empregados públicos".

Aliás, ao fío das críticas da Consellaría ao comité, afirmando que "resulta discriminatorio asociar este suceso con este tipo de usuarios", matizan que non se relacionou a agresión coa situación social do usuario, senón "coas condicións nas que se convive nos centros por mor dunha política hipócrita de querer agochar as persoas con enfermidades psiquiátricas nos centros residenciais de persoas maiores".

"Non culpabilizamos nin o centro nin a persoa usuaria pola súa situación, os culpábeis son as consellarías de Política Social e Sanidade, que non prestan a atención e os coidados axeitados a estas persoas usuarias", sentencian, ao tempo que demandan solucións "urxentes e efectivas".

Comentarios