A falta de medios nas residencias ameaza a integridade física do persoal

Persoas maiores, dependentes e en risco de exclusión conviven nos centros de Política Social
Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo, onde unha traballadora sufriu unha agresión sexual. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo, onde unha traballadora sufriu unha agresión sexual. (Foto: Nós Diario)

O comité de persoal da Consellaría de Política Social en Pontevedra denunciou esta terza feira, 5 de setembro, unha suposta agresión sexual a unha traballadora do Complexo residencial de atención a persoas dependentes (Crapd II) de Vigo, por parte dun usuario dos denominados "de emerxencia social", e exixiu medidas para que este tipo de situacións non se repita.  

Segundo trasladou o comité nun comunicado, a derivación de persoas en situación de emerxencia social, algúns con patoloxías psiquiátricas e problemas de adición, aos centros de persoas maiores e dependentes, xerou problemas de convivencia e seguridade, ao facelo a Xunta da Galiza "sen reforzar o persoal e adecuar os espazos nestas residencias", tal e como levan denunciando os traballadores e as traballadoras destes centros desde hai case dous anos e após dúas xuntanzas coa Xefatura Territorial e a Secretaría Xeral Técnica. 

"Seguimos igual: botando a culpa uns aos outros e sen dar solucións", denunciou esta terza feira Bernardina Porral, secretaria do comité. Porral afirmou que tanto as persoas maiores como as persoas en situación de emerxencia social merecen unha atención e un trato "dignos", pero advertiron tamén de que non se pode prestar esa atención a ambos os colectivos "ao mesmo tempo, no mesmo espazo e co mesmo persoal, é inviábel". Por estes motivos pediron –en reiteradas ocasións– "máis medios" para poder levar a cabo o seu traballo nas mellores condicións posíbeis. 

Desde que se iniciou a derivación de usuarios e usuarias en risco de exclusión social, con enfermidades psicolóxicas e con problemas de adición, denunciou a representación do cadro de persoal, os problemas foron en aumento, desde conflitos de convivencia, pasando incluso por roubos ás residentes maiores. "Empúrranas, son groseiras con elas e, ás veces, até lle quitan as súas pertenzas. En definitiva, prodúcense situacións de risco por agresións físicas e verbais, así como inseguridade na custodia das pertenzas persoais", denunciou a secretaria do comité. 

"E agora xa lle toca ao persoal", sentenciou, en alusión a esa traballadora agredida sexualmente. "A todo isto súmase agora o medo do persoal a ser agredido por persoas usuarias para as que non estamos formadas para atender", afirmou Porral, que anunciou tamén que, á marxe do que decida a vítima, o comité porá os feitos en coñecemento da Fiscalía. 

Demanda de recursos

Neste contexto, desde o comité volveron exixir medidas á Administración, como a adaptación de espazos específicos para as persoas usuarias en situación de emerxencia social dentro das propias residencias. Tamén a dotación de recursos humanos, entre eles un ou unha psiquiatra "todos os días", pois "o persoal non é suficiente nin ten a formación específica para atender persoas con patoloxías psiquiátricas ou con adicións". 

"Non podemos consentir que o persoal e as usuarias estean expostos en todo momento a malos modos, agresións e medo durante a súa quenda de traballo ou a súa estancia no centro", denunciou esta terza Porral. "E tampouco é axeitado para estas persoas en exclusión social que non haxa persoal cualificado para atendelas, nin un centro que se adapte ás súas necesidades", afirmou.

Actuar "con celeridade"

Pola súa parte, a Consellaría de Política Social emitiu esta terza feira un comunicado en resposta a esta denuncia, no que subliña que a Xunta da Galiza "actuou con total celeridade" en canto tivo coñecemento deste caso, "para protexer" a traballadora do Crapd II de Vigo, que "decidiu non pór denuncia ante a Garda Civil". En calquera caso, o departamento que dirixe a conselleira Fabiola García matizou que o suposto agresor, que xa foi trasladado a outro centro residencial, entrou no Crapd II "por réxime ordinario, e non por emerxencia social", como sinalou o comité de empresa. 

Ao respecto, a Consellaría advertiu de que "resulta discriminatorio asociar este suceso con este tipo de usuarios", que acceden a unha praza "por atoparse en situación de desamparo". Porén, o que denuncia o comité de empresa non é a atención a persoas en situación de emerxencia social, senón a falta de recursos materiais e persoais para atender este colectivo e as persoas maiores de maneira simultánea no mesmo espazo.
 

Comentarios