Persoal do comercio de alimentación maniféstase en Lugo da man da CIG para reclamar "un convenio digno"

A marcha precede á xornada de folga convocada para a vindeira sexta feira 23 de xuño, coincidindo coa celebración do Arde Lucus, unha das datas de maior afluencia de xente na cidade lucense.
Manifestación da CIG con persoal de comercios de alimentación (Foto: CIG).
photo_camera Manifestación da CIG con persoal de comercios de alimentación (Foto: CIG).

Centos de traballadoras e traballadores do comercio de alimentación manifestáronse este domingo polas rúas de Lugo para reclamar un convenio digno con "subidas salariais xustas".

O persoal denunciou que o convenio de Lugo é dos máis escasos do país e, "mentres grandes empresas do sector están a bater todos os seus récords de ganancias, a maioría dos traballadores apenas cobran o salario mínimo interprofesional".

Segundo trasladou a Confederación Intersindical Galega (CIG), a marcha saíu pouco despois do mediodía fronte ao supermercado Froiz da rúa Montero Ríos, pasou polo Gadis da rúa Quiroga Ballesteros e finalizou diante da sede da Confederación de Empresarios de Lugo, na Praza de Santo Domingo.

Con este percorrido, os organizadores pretendían sinalar ás dúas empresas que, por número de empregados, ostentan "a representación de 100% do comercio de alimentación na provincia", e que por tanto, na súa opinión, "son as responsábeis de querer seguir condenando o persoal nesta negociación á precariedade" e de "profundar nas desigualdades coas condicións salariais e laborais que existen noutros convenios".

Ademais, como exemplo, a CIG sinalou que as diferenzas económicas entre traballar nun destes supermercados na Coruña ou en Lugo "chegan aos 300 euros ao mes".

Folga o 23 de xuño

A marcha precede á xornada de folga convocada para a vindeira sexta feira 23 de xuño, coincidindo coa celebración do Arde Lucus, unha das datas de maior afluencia de xente na cidade lucense.

O secretario comarcal de CIG-Servizos, Xoán Díaz, asegurou que os incrementos económicos ofertados pola patronal "non igualan sequera o IPC" e deixan "a maioría do persoal con soldos ao límite do SMI, non se contempla unha cláusula de revisión salarial ao IPC con carácter retroactivo, nin o complemento de 100% nas baixas", entre outras cousas.

Por iso, cre que é o momento de demostrarlle á patronal que o sector está "farto de tanta precariedade" e que está en disposición de pelexar para conseguir un convenio digno, "con salarios xustos e melloras reais nas condicións de traballo".

Comentarios