O comercio de alimentación irá á folga por un convenio digno

Centos de persoas percorreron este domingo as rúas de Vigo.

Cabeceira da mobilización decorrida este domingo en Vigo reclamando un convenio digno para o sector do comercio de alimentación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cabeceira da mobilización decorrida este domingo en Vigo reclamando un convenio digno para o sector do comercio de alimentación. (Foto: Nós Diario)

Centos de persoas percorreron este domingo as rúas da cidade de Vigo convocadas pola CIG-Servizos para reclamar un “convenio digno” no sector do comercio de alimentación.

A federación de Servizos da CIG iniciou a pasada sexta feira, 2 de xuño, en Pontevedra as mobilizacións en demanda uns salarios dignos no sector do comercio de alimentación ante o “inmobilismo da patronal á hora de abordar esta cuestión nas negociacións do convenio”.

Así, desde a CIG explican que a central sindical optou por convocar protestas após abordar co persoal do sector o estado das conversas co empresariado nas asembleas celebradas en Pontevedra e Vigo.

“As traballadoras e os traballadores reclaman sobre todo un incremento salarial que permita recuperar a perda de poder adquisitivo, pero a patronal négase sequera a tratar este asunto na mesa de negociación”, denuncia Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos. 

De feito, após sete xuntanzas entre a parte social e a empresarial (representada, por unha parte por Gadis e Froiz, e por outra polas tendas de comercio polo miúdo) a cuestión económica aínda non foi abordada a pesar de que na quinta xuntanza a CIG propúxolle ao resto de centrais que o seguinte encontro se dedicase a este tema, “algo que aceptaron, mais a patronal opúxose”.

Convocatoria de folga

Por iso, desde a central sindical anuncian que barallarán a convocatoria de novas mobilizacións, a maiores das xa decorridas en Pontevedra e Vigo, no caso de que o empresariado non acceda a tratar a cuestión económica (unha das principais reivindicacións do persoal do sector) na xuntanza prevista para a próxima terza feira, 13 de xuño.

Ademais, a CIG-Servizos alerta de que, se as negociacións “non avanzan”, o sector verase obrigado a convocar unha folga que podería ser a vindeira sexta feira, 23 de xuño, coincidindo coa tamén convocada para o mesmo día no comercio de alimentación de Lugo. Unha decisión que chega, di a secretaria nacional da CIG-Servizos, en resposta ás “insuficientes” propostas trasladadas pola patronal que supoñen condenar as traballadoras e traballadores a ter “o peor convenio do sector no país”, sinala Fernández.

Comentarios