A CIG mobilízase contra os "abusos laborais e os depedimentos inxustificados" en Mercadona

Con esta protesta a central sindical quere denunciar a persecución á que foi sometida unha traballadora á que se lle rescindiu o contrato “de modo ilegal” tras máis de 12 anos na compañía.
Protesta da CIG ante un supermercado Mercadona en Vigo (Foto: CIG).
photo_camera Protesta da CIG ante un supermercado Mercadona en Vigo (Foto: CIG).

A Federación de Servizos da Confederación Sindical Galega (CIG-Servizos) de Vigo mobilizouse esta sexta feira diante do estabelecemento de Mercadona da rúa Aragón para rexeitar os abusos laborais e os despedimentos inxustificados na empresa e para reclamar “emprego digno e sen explotación”.

Con esta protesta a central sindical quere denunciar a persecución á que foi sometida unha traballadora á que se lle rescindiu o contrato “de modo ilegal” tras máis de 12 anos na compañía.

“Traballo digno en Mercadona”, “Actas e despidos para os directivos”, “Estamos cansas de ser explotadas” e “Non somos escravas, somos traballadoras” foron os berros que máis se escoitaron durante unha concentración que tivo lugar ao mediodía para facer pública a “caza de bruxas” por parte da dirección que se vive día a día, “e nomeadamente polas persoas responsábeis de cada supermercado”.

Neste sentido, desde a CIG-Servizos aseguran que a compañía do empresario valenciano Juan José Roig “é unha auténtica trituradora de persoas” e que a situación que padeceu esta compañeira “é só a punta do iceberg” da realidade que viven as persoas traballadoras de Mercadona. “Unha grave situación que se oculta con propaganda empresarial a golpe de ‘chequeira’ nos grandes medios de comunicación”.

A afectada

Nesta ocasión, a afectada foi despedida inxustamente hai escasos días despois de 12 anos de traballo na empresa. “Desenvolveu o seu labor sen unha soa incidencia durante máis dunha década, pero agora Mercadona invéntase un número infinito de calumnias para xustificar un despido que ao noso parecer é claramente ilegal e persegue unha traballadora que formou parte da candidatura da CIG nas pasadas eleccións de novembro de 2022”.

Ademais, sinalan que nas últimas semana a empresa está inmersa nunha campaña de despidos, “agudizándose as situacións de acoso, represión sindical, abusos, persecución, malos tratos, berros e coaccións contra o cadro persoal, impedindo a conciliación da vida familiar, con varias xornadas á semana de 10 horas ao día e cuns ritmos de traballo moi elevados”.

Neste contexto, lamentan que a empresa “xogue co látego das actas de compromiso para chantaxear a cada unha das traballadoras/es coa prima de beneficios como premio ou castigo, porque saben que esta prima é repartida indiscriminadamente segundo lle caias de ben ou de mal á persoa encargada”.

Mais as traballadoras de Mercadona “non se resignan e deciden tomar a palabra, ocupar as rúas, loitar polos seus dereitos. E desde a central sindical queren deixar moi claro que “traballaremos sen descanso para exixir as melloras necesarias que precisan todas as persoas que traballan en Mercadona, porque non imos permitir nin un abuso máis”.

Comentarios