Entrevista

Paulo Carril, secretario xeral da CIG: "Non é que nos radicalicemos nós, é que os demais se dereitizan"

Secretario xeral desde o ano 2017 da CIG, o primeiro sindicato da Galiza por representatividade, Paulo Carril (Touro, 1973) reivindica a mobilización como marca dun sindicalismo de clase consecuente. “Detrás desa intensidade mobilizadora hai capacidade de análise, de proposta e presentación de alternativas, de socializalas e explicarllas á xente e nós non drogamos a xente para que se mova. Triunfos como o conflito recente do metal de Lugo, ou das mulleres de Zara, demostran que é o camiño”, di nesta conversa que mantemos coa ollada posta nas eleccións estatais e no que supoñen para as traballadoras e traballadores galegos as medidas adoptadas desde o Goberno español.
Paulo Carril (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Paulo Carril fotografado para 'Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)

—Cal é a análise que fai desde a perspectiva sindical do momento de encrucillada política actual?
Somos críticos co que foi esta lexislatura, porque no económico e no laboral o Goberno español foi incapaz de acometer mudanzas acordes coas expectativas de cambio que se lle supoñían. Cando pasen os anos, veremos o calado destas medidas que non foron derrogatorias das medidas máis lesivas que comezaran con Zapatero e foran a máis con Raxoi, tanto en pensións como na reforma laboral.

En pensións hai até tres mudanzas, a cada cal peor, na última co aumento do período de cálculo, na anterior co endurecemento do acceso á xubilación anticipada. A axenda do Goberno foi continuísta coa política neoliberal ditada pola Unión Europea mudando os nomes, porque a troika segue existindo por máis que se relaxase a disciplina fiscal. Segue habendo plans de axuste en marcha. Facer as políticas da dereita no ámbito económico e social crea as condicións idóneas para darlle combustíbel á dereita política, por máis que usara o diálogo social para acompañar estas medidas.

Con estes antecedentes, o que prevemos, se se produce, que confiemos en que non, un cambio de Goberno, é que pasará o que pasou coas políticas de Zapatero que sementaron o terreo para que o PP, desacomplexadamente, aplicase as medidas máis duras. Agora sería peor pola caída das rendas e polo aumento da precariedade laboral (temporalidade, fixos descontinuos disparados,…) e baixos salarios independentemente do que xa os desvaloriza a inflación. O fracaso e as renuncias a políticas de esquerda decididas, e en Latinoamérica hai moitas analoxías nas que vernos, sempre levan un retorno agresivo e sen complexos da dereita.

—Ouvido así parece que está dicindo que, para quen vote esas opcións, trátase de escoller entre o malo e o peor?
Iso se analizamos desde a perspectiva española, pero non é así se facemos valer a visión e a forza do nacionalismo político galego, como nós facemos desde a visión sindical. A clase traballadora acredita na CIG polo noso compromiso nacional e de defensa dos seus intereses. A escolla non é entre o malo e o peor, senón de se os galegos somos quen de enfrontar a situación saíndonos dese dualismo porque temos as nosas propias opcións e camiños. E de feito fanse valer cada vez máis, por iso, entre outras cousas, é insignificante a presenza de Vox entre nós, porque na Galiza e Euskadi o nacionalismo político de esquerdas e o sindical son forzas determinantes.

—A Confederación Intersindical Galega (CIG) é a primeira forza sindical, o que non se adoita destacar nos medios de comunicación, aínda que éxitos como o convenio de Zara despois dunha loita que protagonizaron saltou eses cadeados informativos. En política hai recentralización, na loita sindical hai algo parecido co protagonismo de CCOO e UXT?
Dous datos: o incremento salarial medio na Galiza en 2022 foi de 4,89%. É o máis alto de calquera territorio do Estado, máis que Euskadi e Nafarroa. A 30 de abril deste ano, con 56 convenios colectivos asinados, aquí estamos no 4,25%, en Euskadi no 3,92% e en España no 3,14%. Para nós significa que estamos nun momento de recentralización tamén nas relacións laborais e económicas, algo no que se aplicou a fondo tamén este Goberno, a pesar dos apoios puntuais de nacionalismos de esquerda como ERC ou Bildu, pero con todas esas lexislacións moi centralistas demostramos que podemos rompelas para mellor.

Temos un exemplo de grande actualidade: en Lugo, onde contamos só cun 17% da representación, houbo un conflito histórico no metal e fomos capaces de romper todos os apartados de negociación colectiva que asinaran en maio CEOE, Cepyme, UXT e CCOO: logrouse maior aumento salarial, a recuperación de poder adquisitivo en termos de IPC real de 2022, pactouse unha cláusula de revisión salarial futura a IPC real sen topes,… Por iso dicimos que a mobilización ten un enorme potencial e capacidade de lograr políticas alternativas.

O sindicato é poder, e con presenza de organización sindical nos centros de traballo pódese mudar a realidade. O noso crecemento en delegados ou se traduce en ir ao conflito nos convenios colectivos ou non ten sentido o noso traballo sindical, e por iso nolo recoñecen co crecemento que temos de representación. E facémolo a pesar da promovida presenza abafante de CCOO e UXT e do intento de marxinarnos a nós e os vascos de ELA, a pesar de ser maioritarios nos nosos territorios.

A loita das traballadores de Zara que rompeu o marco estatal foi moi resoante e opacou outra loita impresionante, a das xentes do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF), onde conseguimos que non seguise adiante o preacordo de CCOO e UXT. E foi un conflito que estivo presente nos 313 concellos galegos.Queren que a CIG non exista institucionalmente, pero somos o elefante que non se quere ver. Non somos pretensiosos pero que nos nos queiran recoñecer non rebaixa o noso empeño. Esa é a nosa aposta.

—Sentada a idea de que a mobilización é a clave do sindicalismo, hai tamén unha opinión estendida de que é máis contundente o sindicalismo cos gobernos máis “afíns”, que cos dunha dereita que é sempre máis represiva.
Falando desde a óptica galega, o nivel de mobilización non mudou, por máis que ás veces CCOO e UXT nos teñen acusado diso que apunta. Nós somos o territorio, despois de Euskadi, onde hai máis mobilización (concentracións, folgas, manifestacións,…), porque para nós o conflito éo todo aínda que para os medios de comunicación non existamos.

Detrás desa intensidade mobilizadora hai capacidade de análise, de proposta e presentación de alternativas, de socializalas e explicarllas á xente e nós non drogamos a xente para que se mova. En Lugo, quen esperaba aquela convicción, ou agora no metal en Pontevedra, ou hai un ano na Coruña?

No ámbito estatal triunfou a tendencia da esquerda de que cando está no Goberno pensa que xa non fai falta a presión da rúa, “xa nós facemos o cambio”. Coa irrupción de Podemos, simplificouse a que exclusivamente o voto abondaba para lograr mudanzas e despois a sacralización do dialogo social como único mecanismo, e os amagos de “outono quente” de CCOO e UXT que quedaron en simples fenómenos meteorolóxicos. Non é que nós nos radicalicemos, que quizais tamén, senón que os demais se dereitizan.

En marzo propuxémoslles a CCOO e UXT a necesidade de nos mobilizar, como sucedeu en Francia e noutros países, para enfrontar a enorme carestía da vida e de perda de poder adquisitivo. E púidolles o medo a que iso o rendibilizase a dereita.

Mobilizarse é a nosa obriga: nós fomos capaces de sacar a defensa da sanidade publica do exclusivo campo dos dereitos laborais e xa levamos adiante mobilizacións e tamén con SOS Sanidade Pública dúas Iniciativas Lexislativas Populares, antes mesmo das benvidas Mareas Brancas en España. O sindicalismo español vai por mal camiño coa súa política de concesións.

—O aumento do salario mínimo interprofesional vai estar presente na próxima campaña electoral, de cara ao 23 de xullo, como un haber importante.
Ninguén nega que o salario mínimo interprofesional aumentou, pero a recomendación europea é que ten que ser equivalente ao 60% do salario medio. O Estado español non cumpre, no que respecta ao salario mínimo interprofesional, coa Carta Social Europea. Hai moita propaganda, como na reforma laboral, que levou até o disparate o aumento dos fixos descontinuos, sobre todo na modalidade de tempo parcial. Antes a temporalidade era o paradigma cando se falaba de precariedade, por iso dicimos que ter un posto de traballo non garante sen máis un salario xusto e saír da pobreza laboral.

A contratación como fixo descontinuo é unha modalidade que antes era o traballo temporal, os traballos perpetúanse nesa fase descontinua, sen dereito a indemnización e na negociación colectiva aínda empeora, porque onde a lei di que non podes estar máis de tres meses en inactividade, agora mesmo aumentan ese período até seis meses, como na hostalaría da Coruña.

Hai informes da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) que din que os niveis de rotación traballo/paro no Estado español triplican a media europea. Os que antes eran contratos de cinco días ou tres meses agora mudaron en “fixos descontinuos”, e a OCDE formula unha especie de bonos para estas persoas. E se falamos dos períodos de proba, aumentaron até un 800% como causa de rescisión, e por exemplo prolónganse até seis meses no comercio. 
As empresas teñen moitas máis posibilidades para zafar, con estes procedementos, as obrigas de manter o emprego.

Comentarios