O persoal de Navantia reivindica con paros parciais a mellora do convenio

O comité ferrolán negociará hoxe co Goberno estatal.
O buque AOR 'Stalwart' no porto de Ferrol o pasado maio antes de partir a terras australianas (Foto: Navantia).
photo_camera Un buque australiano durante as tarefas de reparación no estaleiro de Navantia, en Ferrol (Foto: Navantia).

Os traballadores e as traballadoras da empresa naval pública Navantia en Ferrol secundaron na xornada de onte un novo paro parcial para reclamar avances na negociación tanto do convenio colectivo, que leva máis dun ano "caducado", como no futuro plan industrial.

A medida de protesta, consistente en paros de dúas horas de duración en cada unha das quendas e que se desenvolveu no interior do estaleiro, trátase dunha das mobilizacións aprobadas en asemblea por parte do persoal, e será repetida hoxe.

O presidente do comité de empresa, Emilio García Juanatey (CCOO), destacou que durante esta protesta decidiron facer "a cobra", unha acción que consiste en percorrer os diferentes talleres reclamando ao persoal operario que se vaia sumando á mobilización convocada.

O representante sindical trasladou que para hoxe foron convocados "a unha reunión que decorrerá en Madrid coa dirección de Navantia". Nela, indicou, "prevese que a empresa xa poña enriba da mesa as cuestións importantes do convenio que levan tempo demandando".

García Juanatey detallou que desde a parte social teñen previsto convocar para a próxima semana unha nova asemblea informativa na que prevé que se propoñan novas mobilizacións "en función de como evolucionen as cousas en Madrid".

O presidente do comité tamén detallou que esperan que "a empresa se poña a discutir en serio" as reivindicacións que lle transmiten e, a partir de aí, empezar xa outra fase do proceso negociador "máis de discusión nos centros e de debate das propostas que estean sobre a mesa", recalcou o sindicalista.

O persoal tamén reivindica a renovación das infraestruturas do estaleiro para que sexa posíbel responder a toda a demanda de traballo que chega á sede de Navantia en Ferrol.

Comentarios