Traballadores de Navantia concéntranse en Ferrol coincidindo coa presentación do novo plan industrial

"A prioridade é indubidabelmente a incorporación de máis persoal", sinala Miguel Pol, portavoz do comité de empresa.
Protesta do persoal de Navantia en Ferrol, esta sexta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta do persoal de Navantia en Ferrol, esta sexta feira. (Foto: Europa Press)

Os traballadores dos dous estaleiros que a empresa naval pública Navantia ten na ría de Ferrol concentráronse esta sexta feira, coincidindo coa presentación que a dirección da compañía realiza do seu plan industrial aos representantes dos traballadores de todos os centros de traballo en Madrid.

Con este acto simbólico queren "mostrar o descontento" por "como se desenvolveu o anterior plan, dar apoio aos compañeiros que están alí e que saiban que o persoal está decidido a facer o que sexa para sacar un un bo plan industrial", en palabras do portavoz do comité de empresa de Navantia en Ferrol, Miguel Pol, durante a concentración diante da porta principal deste estaleiro.

"Desde Ferrol marcámonos un obxectivo, que é que se cumpran os compromisos adquiridos no anterior plan industrial en materia de investimentos", detallou Pol, quen tamén demandou "unha transformación do estaleiro". Así, lembrou que fábrica de turbinas ten unha vez máis atrasos no comprometido cos investimentos e sinalou que en reparacións exixen un novo dique que "permita entrar nun mercado de case 500 barcos e que non podemos reparar nos actuais, polos tamaños".

Miguel Pol lembrou que a construción dun novo dique "está máis que sustentada en informes técnicos e económicos para que, dunha vez por todas, poida xerarse máis emprego nesta comarca".

O representante sindical precisou que "si se deu unha incorporación de traballadores, pero non o comprometido, porque aínda faltan 300 por entrar, pero seguen a ser insuficientes". Desde a parte social, estiman que "se necesita moito persoal en gremios que historicamente sacan os barcos adiante, que non se viron anovados, e na parte técnica tamén se necesitan novas incorporacións para liderar os proxectos que parece ser que van vir".

A preguntas dos medios de comunicación sobre se desde o ámbito sindical van reclamar no novo plan industrial saídas anticipadas, Pol dixo que a súa plataforma reivindicativa "vai tentar que os compañeiros que levan máis anos traballando, cunha longa traxectoria profesional, poidan saír aos 61 anos e poidan ir incorporándose novos compañeiros".

Neste senso, manifestou que "a prioridade é indubidabelmente a incorporación de máis persoal, e se durante a negociación xorde a posibilidade de que as persoas que máis anos levan poidan marchar, pois indubidabelmente terémolo en conta", concretou.

Comentarios