"É unha desvergoña". Persoal de Navantia intensificará as protestas se non avanza a negociación do convenio

Esta quinta feira tivo lugar unha mobilización que levou os operarios do sector naval a manifestarse por varias zonas da cidade de Ferrol.
Protesta do persoal de Navantia esta quinta feira en Ferrol (Foto: Europa Press).
photo_camera Protesta do persoal de Navantia esta quinta feira en Ferrol (Foto: Europa Press).

O cadro de persoal de Navantia Ferrol anunciou que "intensificará as protestas" se non se producen avances na negociación do novo convenio e o plan industrial.

Asegurouno o portavoz do comité de empresa, Miguel Pol, durante unha mobilización que levou os operarios do sector naval a manifestarse na mañá desta quinta feira por varias zonas da cidade.

A marcha arrincou sobre as 10.30 horas desde o estaleiro en dirección ao monumento ao 10 de marzo, no barrio de Recimil, e desde alí regresaron ás instalacións industriais.

"Estamos a reclamar investimentos, un dique de nova construción, un compromiso incumprido deste Goberno e recollido no anterior plan industrial", incidiu o responsábel sindical antes de engadir que outras reivindicacións pasan por incorporar "máis persoal".

"A dirección non se cansa de dicir que vai conseguir unha chea de carga de traballo, pero non sabemos con que persoal o vai facer", detallou o representante sindical. "Non somos suficientes", apostilou.

Pol pediu "un plan de formación para a industria auxiliar" e, interpelado polos medios de comunicación ante o anuncio do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, de incorporar no futuro até 1.500 traballadores, o integrante de CCOO sinalou que, polo momento, veno como unha "falta de respecto"

"E que ademais a ministra de Facenda teña desvergoña de anunciar xa un número nunha comarca específica -en alusión á Baía de Cádiz- non é asumíbel, non está sustentado en ningún argumento técnico ou económico, e por suposto, Ferrol non está disposto a negociar nestes termos", incidiu.

Posíbeis contratos

En canto aos posíbeis contratos, Pol detallou que polo momento non hai fechada unha carga de traballo. Así apuntou que "o que hai son previsións, unha memoria do entendemento coa Armada de Arabia Saudita ao redor de cinco buques, pero non se especificaron e nin sequera está concretado o propio contrato".

Ademais, incidiu en que "están pendente doutras armadas, como a de Australia, que poden pronunciarse tamén sobre un posíbel contrato".

Con todo, os traballadores din "non fiarse" de "tanto anuncio" e pide concreción que, no caso de que non chegue, avivará as protestas á volta da Semana Santa.

Comentarios