O comité de Alcoa celebra que o acordo coa multinacional mantén os postos de traballo "os próximos cinco anos"

O persoal da factoría acordou en referendo, con 75% dos votos, aceptar a proposta da compañía.
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, nunha protesta na defensa dos empregos en Alcoa. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, nunha protesta na defensa dos empregos en Alcoa. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, en Cervo (A Mariña), José Antonio Zan, celebrou esta segunda feira que o acordo coa multinacional garante "o mantemento dos postos de traballo os próximos cinco anos". O cadro de persoal da factoría de Cervo acordou, logo dunha votación na que case 75% estivo a favor, aceptar a proposta que lanzara a empresa.

"O que se acordou, por referendo, é aceptar a proposta de Alcoa na cal o rearranque de cubas comezará en xaneiro de 2024, só que tardariamos un ano máis en estar a 100% da produción", explicou Zan.

Tamén se vincula a iso "un novo forno de cocción, de 109 millóns de euros que daría viabilidade a futuro, que é algo que estabamos a desexar", puntualizou. A isto engádense "unhas barras de comprensión que aumentaría o custo de 12 a 18 millóns de euros e que vai dar moito traballo ás empresas contratistas".

Todo iso, resumiu Zan, "dános unha viabilidade e sobre todo o mantemento dos postos de traballo para os próximos cinco anos e unha viabilidade a longo prazo". "O forno de cocción, o anterior durou 40 anos, e este é máis moderno. Permitirá exportar a outros países e a outras industrias", precisou.

Sobre os parques eólicos para fornecer enerxía á planta de San Cibrao, o presidente do comité de empresa puntualizou que hai licitados polo Goberno estatal cinco de seis, e pola Xunta, "oito dos 20 que tiñan que aprobar a principios de xaneiro".

"Fáltanos outra tandada parecida de parques da Xunta e do Goberno", resolveu, para seguidamente celebrar que desta maneira "abriuse un marco importante" en canto ao prezo da enerxía.

Comentarios