Traballadoras da limpeza en folga encadéanse no edificio da Xunta de Lugo: "Non poden seguir mirando a outro lado"

Despois de máis de 60 días en folga a "causa do inmobilismo patronal, a Xunta non pode continuar mirando para outro lado mentres as grandes empresas do sector teñen secuestrada a negociación colectiva e pretenden consolidar a precariedade laboral e un convenio colectivo con táboas salariais por debaixo do salario mínimo", indican desde a CIG-Servizos.
Protesta das traballadoras da limpeza en lugo esta sexta feira (foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta das traballadoras da limpeza en lugo esta sexta feira (foto: Nós Diario).

Un grupo de traballadoras da limpeza en folga e representantes da Confederación Intersindical Galega (CIG) iniciaron esta quinta feira un feche no edificio administrativo da Xunta da Galiza en Lugo.

Fano para reclamar a “intervención decidida da Xunta no conflito, na súa calidade de Administración pública e como principal contratista dos servizos de limpeza”.

Máis de 60 días en folga

Despois de máis de 60 días en folga a “causa do inmobilismo patronal, a Xunta non pode continuar mirando para outro lado mentres as grandes empresas do sector teñen secuestrada a negociación colectiva e pretenden consolidar a precariedade laboral e un convenio colectivo con táboas salariais por debaixo do salario mínimo”, indican desde a CIG-Servizos.

Con case un ano de atraso sobre a data prevista, as traballadoras da limpeza comezaron a negociar coa patronal estatal –Aspel– un novo convenio no outono de 2022. O vello rematou a súa vixencia en decembro de 2021 e malia que estudaran os prazos para non demorar melloras nos acordos até xullo de 2022 non lograron unha resposta firme de Aspel para a constitución da mesa de negociación.

Sector feminizado

O da limpeza é un sector altamente feminizado. Das 1.800 traballadoras e traballadores que se ocupan desta actividade en Lugo, 95% son mulleres.

Limpan oficinas da Administración, dependencias municipais, xulgados, ambulatorios, escolas públicas, oficinas bancarias, portais. Adoecen dunha alta parcialidade e teñen as categorías máis baixas do convenio.

"Hai quen fai unha xornada completa nun xulgado, mais tamén quen anda 20 portais nun día para xuntar un xornal", afirmaba a Nós Diario Asunción Castiñeira, voceira da CIG-Servizos.  Ademais, explica, "só os homes son os especialistas". Os poucos que hai, di, "na súa maioría, teñen unha categoría superior".

Comentarios