As traballadoras da limpeza proseguen a súa loita após 37 días de folga: "Non imos cansar e menos recuar"

Das 1.800 traballadoras e traballadores que se ocupan desta actividade en Lugo, 95% son mulleres. Adoecen dunha alta parcialidade e teñen as categorías máis baixas do convenio.
Traballadoras do sector da limpeza de Lugo, en folga desde o 16 de outubro, situaron esta terza feira unha caravana fronte á sede da Xunta. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadoras do sector da limpeza de Lugo, en folga desde o 16 de outubro, situaron esta terza feira unha caravana fronte á sede da Xunta. (Foto: Nós Diario)

A limpeza está en loita. As traballadoras do sector en Lugo instalaron esta terza feira fronte ao edificio multiusos da Xunta da Galiza unha caravana reivindicativa despois de 37 días de folga. "Escollemos este punto informativo porque a Administración galega é un dos principais contratistas das empresas multinacionais de limpeza –Clece, Acciona, Eulen– e leva moitos días mirando cara a outro lado. Consideramos que xa é hora de que tome cartas o asunto".

O da limpeza é un sector feminizado. Das 1.800 traballadoras e traballadores que se ocupan desta actividade en Lugo, 95% son mulleres. Limpan oficinas da Administración, dependencias municipais, xulgados, ambulatorios, escolas públicas, oficinas bancarias, portais. Adoecen dunha alta parcialidade e teñen as categorías máis baixas do convenio. "Hai quen fai unha xornada completa nun xulgado, mais tamén quen anda 20 portais nun día para xuntar un xornal", afirma a Nós Diario Asunción Castiñeira, voceira da CIG-Servizos.  Ademais, explica, "só os homes son os especialistas". Os poucos que hai, di, "na súa maioría, teñen unha categoría superior".

Neste sentido, Castiñeira lembra que no transcurso do conflito que manteñen coa patronal da limpeza, presentaron un escrito na Consellaría de Emprego e Igualdade para facer contar que "un convenio con estas condicións de precariedade, nun sector cunha cota feminina tal alta, tamén é violencia contra as mulleres e a Consellaría non pode apartar a vista".

Dignificación do sector

Con case un ano de atraso sobre a data prevista, as traballadoras da limpeza comezaron a negociar coa patronal estatal –Aspel– un novo convenio no outono de 2022. O vello rematou a súa vixencia en decembro de 2021 e malia que estudaran os prazos para non demorar melloras nos acordos até xullo de 2022 non lograron unha resposta firme de Aspel para a constitución da mesa de negociación.

Nese momento as traballadoras e traballadores do sector acordaron en asemblea a creación dunha plataforma "que coa suba do salario mínimo en 2023 quedou practicamente sen ningunha marxe de movemento, porque non podemos asinar un convenio por baixo do salario mínimo".

É a posición que desde o primeiro momento lle trasladaron á patronal e que manteñen as traballadoras a día de hoxe, que acusan Aspel de "ter secuestrada a negociación" e de querer "impor un convenio cunhas táboas salariais por baixo do SMI". Denuncian que a patronal féchase a negociar un incremento para o ano 2022 malia a suba da carestía da vida. "Isto fai que o sector fique cun salario de 13.594 euros, ao que Aspel propuxo sumar un incremento de 4% en 2023, 2024 e 2025", aclara Castiñeira, unha proposta insuficiente para a dignificación do sector, di.

Desde o 16 de outubro están en folga. Porén, a patronal non accedeu a se reunir até o 10 de novembro. Ese día achegou unha nova oferta, "idéntica á anterior pero con un ano máis de negociación, 2026, cunha suba de 3%, e un prezo fixo para o valor do trienio, o que suporía unha perda de 180 en concepto de antigüidade". As mulleres da limpeza rexeitaron a proposta. "Non imos cansar e menos recuar", berraron esta terza feira ante a Xunta polo fin da "explotación".

Servizos de limpeza de Vigo e A Coruña, contra a precariedade

Ademais de en Lugo, o sector da limpeza mantén convocatorias en Vigo e na Coruña. Na cidade olívica, o persoal encargado da limpeza de oficinas e despachos mobilizouse esta terza feira diante da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra para reclamar "un convenio colectivo digno". Esta quinta feira, será o servizo de limpeza das dependencias da oficina principal de Correos na Coruña quen se manifeste ás portas do seu lugar de traballo.

Teñen catro nóminas e a paga extraordinaria de verán sen cobrar, e todo fai indicar que tampouco cobrarán novembro advirten a CIG, UXT e CCOO. Reclaman o cesamento da actual dirección de Correos e a internalización do servizo para sacalo das mans de "empresas piratas que só buscan sacar o maior beneficio dos cartos públicos, a costa  de precarizar as condicións laborais dos e das traballadoras".

Comentarios