sábado 31/10/20

Multitudinario apoio da comunidade educativa da Mariña ao persoal de Alcoa

Milleiros de estudantes marchan xunto a traballadoras e traballadores da factoría de San Cibrao (Cervo).

Manifestación de estudantes da Mariña en apoio ao persoal de Alcoa (@sabela_ro)
Manifestación de estudantes da Mariña en apoio ao persoal de Alcoa (@sabela_ro)

A mañá deste domingo milleiros de persoas de toda a comunidade educativa de Secundaria da Mariña, manifestáronse en apoio á loita pola defensa dos postos de traballo do persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo). Saíron da estrada N-642 desde o Alto do Castelo e marcharon até a entrada principal da factoría de aluminio.

Tras unha pancarta co lema “Polo noso futuro” coincidiron con traballadoras e traballadores de Alcoa que lles fixeron un corredor entre palmas e berros de “Onde está o estatuto, o estatuto onde está”.

Algunhas e algúns dos estudantes levaban os chaleques de Alcoa e outras mensaxes como “Non queremos emigrar”. Ademais escoitáronse consignas como “Madrid, escoita, A Mariña está en Loita”, “Enerxía, Solución”, “A solución, unha intervención” ou “A Mariña sálvase, loitando”.

O comité agarda que se interveña a factoría

En declaracións aos medios de comunicación, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, aseguraba que as administracións tiñan que “mover ficha” para que se manteñan os postos de traballo. Segundo o sindicalista xa se “acabou o tempo” e agora tocan “os feitos”.

Insistiu en que estarán dispostos a “chegar até o final” para loitar polo futuro da comarca da Mariña. Lembrou tamén que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, “dixo que se Alcoa aplicaba o ERE, pediríalle formalmente ao Goberno español a intervención da planta” e o propio conselleiro de Industria, Francisco Conde recoñecera que Alcoa “actuara de mala fe” polo que “xa está a tardar” e pide “que cumpra a súa palabra”.

En relación ao Goberno español, Zan tampouco entende “a que espera para intervir” unha vez a multinacional anunciou que executaría o expediente de regulación de emprego (ERE).

Para esta semana está prevista unha nova reunión da mesa multilateral na que se podería saber que camiño seguirán os Gobernos español e galego para atallar esta situación.  

comentarios