Industria promete empregar “todos os instrumentos dispoñíbeis” para evitar os despidos en Alcoa

A ministra Reyes Maroto asegurou, após o anuncio da empresa, que quere garantir quer os empregos, quer as capacidades industrias da factoría de San Cibrao. Non adiantou cal podería ser a solución final, mais comprometeuse a seguir traballando nese camiño.

A ministra de Industria, Reyes Maroto. (Foto: Europa Press)
photo_camera A ministra de Industria, Reyes Maroto. (Foto: Europa Press)

O anunciou por parte de Alcoa da súa intención de despedir ás máis de 500 persoas que traballan na planta que ten en San Cibrao, na comarca da Mariña, e a decisión de parar as cubas (unha cuestión que as e os traballadores rexeitan de pleno se nun futuro se puidera retomar a actividade da man doutra empresa), vén provocando unha longa lista de reaccións durante toda a xornada.

Porén, a do Ministerio de Industria é, posibelmente, unha das que ten maior validez porque é un dos poucos organismos que ten a potestade e a capacidade de evitar esta destrución de emprego por parte da multinacional.

Neste sentido, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, afirmou hoxe que quere apoiar “a todos os traballadores, as súas familias e á comarca da Mariña nestes momentos tan duros”.

A representante do Goberno do Estado español saíu ao paso das afirmacións de Alcoa, asegurando que Industria promete empregar “todos os instrumentos dispoñíbeis” para garantir os postos de traballo na fábrica.

Tamén pretende evitar o parón das cubas, pois isto recortaría as capacidades industriais da factoría como xa ten advertido a representación do cadro de persoal de Cervo e como xa dixeron antes de que a planta se convertera en Alu Ibérica na Coruña. As cubas son fundamentais para o labor que desenvolve esta fábrica.

Reivindicación do cadro de persoal

Malia todo, Maroto non chegou a aclarar cales son eses instrumentos que vai pór a traballar e que polo de agora, a pesar de que o conflito xa leva gañando en intensidade unhas semanas, non se utilizaron. Unicamente fala de “lograr unha solución que manteña o emprego”.

Xa antes o comité de empresa pedira ao equipo de Pedro Sánchez que “deixase as palabras” e “pasase aos feitos”. Pola súa banda, a Xunta só propuxo impugnar o ERE e pedir medidas temporais.

O ministerio pensa que a multinacional tivo a culpa de que non prosperasen as negociacións para a venda da planta e ve forzado este “conflito innecesario”. Por iso, continúa a lamentar que se abandonaran as conversas con Liberty House.  

Comentarios