Mobilizacións e asembleas da CIG nas cidades galegas para demandar unha “saída xusta” á crise

As marchas de delegadas e delegados da central nacionalista reclamaron un "cambio radical" nas políticas para demandar protección social, emprego e industria na Galiza

CIG marchas asembleas
photo_camera Unha das asembleas que decorreron nesta terza feira.

Xornada de mobilizacións e asembleas da CIG nas sete cidades galegas. Centos de delegados e delegadas do sindicato nacionalista tomaron parte nestas acción, convocadas para exixir políticas para unha “saída xusta e galega” da crise sanitaria, “que protexan a clase traballadora fronte o capital e que favorezan o desenvolvemento económico e social de Galiza”.

As marchas partiron  desde distintos puntos de cada unha das cidades e confluíron nunha praza onde decorreu unha asemblea para avaliar a situación actual, as medidas aprobadas dende o inicio da pandemia e as alternativas da central sindical a dita crise.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na marcha da Coruña e subliñou a necesidade de retomar a mobilización e a resposta social para forzar que os gobernos lexislen a favor das maiorías sociais. "Canto máis se avance na crise derivada da pandemia manténdose este tipo de políticas inxustas e erráticas por parte do Goberno español e da Xunta, máis devastación haberá, tendo en conta que en Galiza xa estabamos nunha grave crise industrial, social e demográfica", lembrou.

Un dos obxectivos destas acción, explicou a central, é visibilizar a necesidade de retomar a mobilización “para forzar o necesario cambio de políticas que permita que a saída a esta crise non recaia novamente sobre a clase traballadora”.

A CIG considera que “fronte ás inxustas medidas de corte neoliberal e recentralizador aprobadas nestes meses”, a solución pasa pola derrogación da reforma laboral de 2010 e 2012, da reforma das pensións de 2011 e 2013 e da negociación colectiva; así como por impulsar políticas públicas que  concentren todos os recursos existentes en favor dos intereses das maiorías sociais.

Ao tempo, demandan unha política económica e industrial “creadora de emprego digno e con salarios xustos, que defenda o tecido industrial e promova proxectos que completen todas as fases produtivas en Galiza”.

A defensa dun “verdadeiro sistema público galego para a atención e coidados de todas as persoas” é outra das reivindicacións do sindicato, que exixe a fin das privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais.

Impulso

Estas acción enmárcanse na dinámica movilizadora que o sindicato desenvolveu nestes meses. Accións como a cazolada dende as fiestras do 10 de abril contra o decreto 8/2020, a demora no cobro do paro ou demandado control sobre as medidas de seguridade; as protestas diante de edificios da administración estatal do 23 de abril; as concentracións do 28 de abril coincidindo co Día Internacional da Seguridade e Saúde Laboral; as accións do 20 de maio, diante de edificios da Xunta, para denunciar as políticas económicas, industriais e laborais do Goberno de Feixoo; ou as do 27 de maio, coincidindo coa aprobación no Congreso do decreto que prorroga os ERTE, “convertido nunha sorte de nova reforma laboral”.

Comentarios