xoves 02.07.2020

A CIG mobilízase contra a "nova reforma laboral" que prorroga os ERTE

Segundo o sindicato, o decreto que se vota hoxe no Congreso "afonda no abuso patronal, non garante os ingresos das familias nin a recuperación do emprego".
Acción da CIG ante a Delegación do Goberno na Coruña (Foto: CIG).
Acción da CIG ante a Delegación do Goberno na Coruña (Foto: CIG).

A CIG continuou durante a xornada de hoxe o calendario de accións mobilizadoras para esixir políticas "que permitan unha saída á crise sanitaria, económica e social favorábel á clase traballadora e ás maiorías sociais".

Desta volta, a central realizou concentracións diante da Delegación do Goberno na Coruña, das subdelegacións de Lugo, Pontevedra e Ourense, en oficinas do Servizo de Emprego e da Seguridade Social de Vigo e Vilagarcía, no edificio da Xunta en Ferrol e na Praza de Galiza de Santiago, coincidindo co debate e votación no Pleno do Congreso do RDL 18/2020, unha sorte de "nova reforma laboral que afonda no abuso patronal, non garante os ingresos das familias nin a recuperación do emprego, malia o seu rimbombante título: Real Decreto-Lei (RDL) de medidas sociais en defensa do emprego".

Este RDL para a prórroga dos ERTE, resultado do chamado Acordo Social, "evidencia as mentiras do Goberno a respecto de que esta é a primeira vez que se lexisla a saída a unha crise antepondo o interese das maiorías sociais ao interese do capital".

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "este tipo de políticas económicas e recentralizadoras que o Goberno español está a aplicar son o caldo de cultivo para que a ultradereita e o fascismo poidan medrar". "A ultradereita non se combate con receitas neoliberais que xa se demostraron fracasadas, haina que combater con políticas sociais", asevera.

As garantías de emprego, “pura propaganda”

Neste senso, Carril lembra que a garantía de emprego da que fala o Goberno é "pura propaganda, como se puido comprobar unha vez publicado o decreto 18/2020 no BOE: a suposta prohibición de despedimentos durante seis meses nas empresas que realizaran ERTE quedou reducida á mínima expresión,  xa que só se aplicará aos ERTE por forza maior, non aos que teñen causas obxectivas, e ademais os seis meses comezan a contar cando se reincorpora da suspensión a primeira persoa, non a última”.

"Este decreto apróbase cando hai centos de traballadores e traballadoras que aínda non comezaron a cobrar o paro e cando segue vixente e sen trazos de ser derrogada a reforma laboral e da prestación por desemprego de 2012, que meteu un retallo importante ás contías a percibir, pois a partir do día 181, a porcentaxe da contía que se percibe baixa até o 50% da base reguladora de cotización", alerta.

“Sen vontade” de derrogar a reforma laboral

Sobre este punto, Carril denuncia a “nula vontade” do Goberno español por anular integramente a reforma do PP, malia no seu momento ser compromiso electoral das dúas formacións que integran o Executivo. "O espectáculo bochornoso do outro día a conta do pacto con Bildu evidencia ás claras que non hai interese por avanzar neste camiño, senón, como moito, tocar determinados aspectos cos que lavar a cara.

De feito, no acordo de investidura asinado en xaneiro entre o BNG e o PSOE xa se contemplaba a derrogación da reforma laboral e da negociación colectiva, respectando os marcos autonómicos de relacións laborais, mais até o día de hoxe o Executivo de Sánchez non deu ningún paso neste camiño, senón máis ben no contrario", lembra.

Con este decreto dáselle un "cheque en branco" ás empresas, que "seguirán decidindo unilateralmente sobre os ERTE: continuidade e ampliación das causas, duración e modalidade que prefiran, sen control público e sen  negociación coa representación sindical, deixando na total indefensión e desprotección os traballadores e traballadoras".

comentarios