A CIG marchará por toda Galiza para esixir "unha saída xusta e galega da crise"

O sindicato convoca marchas de delegadas e delegados o vindeiro día 9 de xuño nas sete principais cidades do país para esixir medidas concretas dos Gobernos español e galegos
Ourense será unha das cidades que acolla as concentracións da CIG
photo_camera Ourense será unha das cidades que acolla as concentracións da CIG

A CIG vén de convocar marchas de delegadas e delegados nas sete principais cidades do país para o vindeiro día 9 de xuño, terça feira, co obxectivo de esixir dos Gobernos español e galegos políticas que permitan "unha saída xusta e galega á crise económica, laboral, industrial e social que atravesamos".

As marchas realizaranse desde distintos puntos de cada unha das cidades e confluirán nunha praza onde se celebrará unha asemblea para avaliar a situación actual, as medidas aprobadas dende o inicio da pandemia e as alternativas da central sindical.

Con estas accións, explica o secretario xeral da CIG, "continuamos o proceso recuperación da mobilización social, chamando á reactivar a acción nas rúas, mais atendendo ás medidas de seguridade que corresponde na actual situación sanitaria". Lembra Carril que, malia as limitacións propias do estado de alarma e o confinamento da poboación, a central "foi dando resposta ás insuficientes e inxustas medidas aprobadas polo Goberno español, ao deixamento de funcións practicado pola Xunta de Feixoo e aos abusos patronais, demandado protección para a clase traballadora, garantías dos ingresos e do emprego e medidas de seguridade nos centros de traballo".

Nas marchas da vindeira terça participarán arredor delegados e delegadas que, por volta das 11 horas, confluíran na Praza de Pontevedra na Coruña; Praza de Armas en Ferrol; Praza da Quintana en Compostela; Praza de Santa María en Lugo; Praza Maior en Ourense; na Alameda en Pontevedra; e diante do Marco (Rúa do Príncipe) en Vigo.

A prol das maiorías sociais

Un dos obxectivos destas accións é "visibilizar a necesidade de retomar a mobilización para forzar o necesario cambio de políticas que permita que a saída a esta crise non recaia novamente sobre a clase traballadora". "Fronte ás inxustas medidas de corte neoliberal e recentralizador aprobadas nestes meses, reclamamos a derrogación inmediata da reforma laboral de 2010 e 2012, da reforma das pensións de 2011 e 2013 e da negociación colectiva; e políticas públicas que  concentren todos os recursos existentes en favor dos intereses das maiorías sociais". sinalan desde a central sindical

De igual modo, unha política económica e industrial "creadora de emprego digno e con salarios xustos, que defenda o tecido industrial e promova proxectos que completen todas as fases produtivas en Galiza, facendo así que todo o valor engadido quede aquí; o dereito a termos unha verdadeira transición enerxética; así como reforzar os servizos públicos, construíndo un verdadeiro sistema público galego para a atención e coidados de todas as persoas, desterrando as privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais" son accións fundamentais para a CIG.

Comentarios