martes 14.07.2020

Milleiros de persoas piden a "intervención" de Alcoa San Cibrao nunha marcha nocturna

"Estamos aquí para esixirlles a todos que tomen a decisión: hay que salvar a fábrica, que é o corazón da Mariña", salientaron no manifesto. 
Marcha nocturna contra os despedimentos en Alcoa San Cibrao (Carlos Catro/EP).
Marcha nocturna contra os despedimentos en Alcoa San Cibrao (Carlos Catro/EP).

"A Mariña sálvase loitando". Milleiros de persoas participaron na marcha nocturna contra os despedimentos anunciados por Alcoa en San Cibrao.

Os berros de "intervención" dirixidos ao Goberno do Estado e á Xunta da Galiza foron constantes no camiño entre a fábrica e o parque Raíña Sofía, no que os traballadores se atoparon coa veciñanza. 

As traballadoras e traballadores de Alcoa saíron da fábrica con bengalas, mentres dentro ficaban só os da quenda da noite. O xornalista Antón Losada foi o encargado de ler o manifesto, no que salientou que o feche "non é un problema de cartos", apuntando á vontade política das Administracións.

"Estamos aquí para esixirlles a todos que tomen a decisión: hay que salvar a fábrica, que é o corazón da Mariña", afirmaba o manifesto, "e se morre a fábrica morre A Mariña e morre Lugo. E xa non haberá que falar máis da Galiza vaciada, haberá que falar da Galiza asasinada".

O comité de empresa, organizador da mobilización, conta que participaron 20.000 persoas. Esta terza feira hai unha nova oportunidade para chegar a unha solución, pois a folla de ruta de empresa podería deixar no desemprego un colectivo de 534 traballadoras e traballadores directos xunto a 350 máis de empresas auxiliares.

Esta mobilización prodúcese na mesma semana na que, na sexta feira, os traballadores de Alcoa San Cibrao volveron cortar a autovía A-8 en ambos os sentidos, neste caso ao seu paso por Vilalba á altura de Santaballa, onde realizaron unha barricada con pneumáticos en chamas e queimouse unha réplica do Congreso.

E é que esta semana se deu a coñecer a intención de Alcoa de iniciar o próximo 25 de xuño un proceso formal de consulta para o despedimento colectivo nas súas instalacións de aluminio en San Cibrao.

Na última reunión co comité de empresa en Lugo, a empresa comunicou que os representantes dos traballadores contarán cun prazo de sete días para designar aos membros da comisión representativa que participarán nas negociacións do período de consulta formal, que durará 30 días.

"Falla de vontade"

O comité de empresa cargou contra a "falla de vontade" de Alcoa ao anunciar o inicio do ERE sen esperar á mesa multilateral convocada para a vindeira terza feira.

Tras coñecer o último paso da multinacional, o presidente do comité de empresa, José Antonio  Zan, reprochou que a compañía busque "romper" a reunión da mesa multilateral do 23 xuño co anuncio do proceso do ERE.

Así, o comité endureceu as mobilizacións coa convicción de que a única saída a esta situación é "a implicación das Administracións e a loita na rúa".

comentarios