xoves 16.07.2020

Alcoa non negocia e comunica o inicio da consulta para o despido colectivo

A multinacional do aluminio Alcoa prescinde do diálogo da mesa multilateral na que están presentes Administracións e comité de empresa. Onte comunicou que o día 25 de xuño iniciará un proceso formal de consulta para o despido colectivo do persoal da súa factoría en Cervo. Comité e sindicatos rexeitan esta vía e piden a intervención mentres o Goberno galego olla cara a Madrid.
Traballadoras e traballadores de Alcoa manifestándose en Foz (Europa Press)
Traballadoras e traballadores de Alcoa manifestándose en Foz (Europa Press)

Alcoa comunicou onte por carta ao seu cadro de persoal o inicio do proceso formal de consulta para o despido colectivo nas súas instalacións en San Cibrao, Cervo. A multinacional confirma, desta maneira, a folla de ruta trazada o pasado 28 de maio de abandonar a final de ano a factoría de aluminio, o que podería deixar no desemprego un colectivo de 534 traballadoras e traballadores directos xunto a 350 máis de empresas auxiliares.

Nun comunicado afirma que até 25 de xuño continuará coas consultas co comité de empresa para despois, nun período de trinta días, manter as negociacións "co mellor resultado posíbel para ambas as partes". Do complexo industrial en San Cibrao informa que "continuará operando unha parte da fundición" e a produción da refinaría que "non se verá afectada". 

Decisión “vergoñenta” para o comité

Horas despois de coñecerse o anuncio de Alcoa, o comité de empresa emitiu un comunicado no que cargaba contra a multinacional por querer iniciar o expediente de regulación de emprego (ERE) sen agardar á reunión da mesa multilateral, prevista para este 23 de xuño. Para a representación sindical   da factoría de aluminio esta decisión busca "romper" o encontro no que se agardaban novidades, en relación ao estatuto electrointensivo. 

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, declaraba aos medios onte mesmo que a multinacional actuou de maneira "vergoñenta" demostrando que era un "engano durante este tempo de negociación". Aínda así asegura que até o día 23 de xuño haberá mobilizacións "para que Goberno estatal, Xunta e Alcoa se vexan tan apertados que nos teñan que dar unha solución". 

Feixoo segue a ollar cara a Madrid

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, teimou onte en pór o foco da situación na poxa de interrompibilidade que ten que convocar o Goberno español. "Se o Goberno segue sen sacar o paquete de interrompibilidade, é evidente que sentencia definitivamente a Alcoa", asegurou aos medios e engadiu que a multinacional non pode operar "nin agora que está privatizada desde hai décadas, cun prezo da tarifa eléctrica como opera un domicilio particular". O líder do PP galego obviou nas súas declaracións tratar da alternativa dunha intervención pública da empresa, a demanda actual dos sindicatos, para asegurar os postos de traballo tal e como se levou a cabo na planta que a multinacional tiña en Portovesme, no sur da Sardeña.    

CIG e CCOO apostan pola intervención pública

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, esta decisión de Alcoa demostra a "nula vontade por buscar unha saída e rebenta calquera solución que lle estabamos a formular de como abordar que o Goberno de inmediato aprobe unha tarifa industrial". O feito de non agardar pola mesa multilateral convocada pon enriba da mesa, para a central nacionalista, "a necesidade de pór en marcha de inmediato os mecanismos para unha intervención pública e que a fábrica de aluminio retorne ao sector público onde naceu". Carril subliñou tamén a situación que están a pasar as empresas auxiliares de Alcoa, que "non son un dano colateral, senón que a multinacional debe asumir como propia esta problemática". 

Desde CCOO, polo seu lado, cren que a saída estaría nunha intervención. "Alcoa non vai modificar o seu plan estratéxico a nivel global e a súa variábel para Galiza", asegura a Nós Diario o secretario xeral de CCOO Ramón Sarmiento. Para este sindicato "apagar Alcoa significa destruír a súa capacidade industrial", polo que argumentan que "as Administracións deberían apostar sen fisuras pola intervención" para que esta situación pase a ser "irreversíbel".

comentarios