Operarios de Alcoa levantan barricadas na A-8 ao paso por Vilalba

Nova xornada de protestas contra os plans da multinacional para San Cibrao.

Alcoa (Carlos Castro)
photo_camera (Carlos Castro/ Europa Press)

Volven as barricadas ao norte da Galiza no conflito de Alcoa. Desta volta, na A-8, Autovía do Cantábrico, ao paso por Vilalba. Pneumáticos e palés acumulados na estrada por traballadores da factoría de San Cibrao para lles prender lume, cortando a circulación en ambos os dous sentidos.

É a protesta do persoal contra a teima de Alcoa en manter a ruta de despedir 534 operarios e fechar a planta de aluminio de San Cibrao, nun duro golpe para a comarca da Mariña.

Esta protesta inaugura unha vaga de mobilizacións, con marcha nocturna en san Cibrao este sábado e manifestación en Burela a segunda feira.

O comité de Alcoa San Cibrao cargou contra a "falta de vontade" da empresa na "procura de solucións" para a planta ao anunciar o inicio do proceso formal do ERE o 25 de xuño sen esperar á mesa multilateral convocada para o próximo día 23.

"Desde o comité de empresa seguimos crendo de que a única saída é a implicación das administracións e a loita na rúa", explica.

Comentarios