A crise actual reaviva o debate sobre a nacionalización de sectores estratéxicos

Sanidade, servizos asistenciais, comedores, telecomunicacións, bancos, sociedades enerxéticas, estaleiros... as privatizacións non teñen fin na Galiza nin no Estado. Agora, de novo, coa crise da COVID-19, cobran forza as reclamacións pola nacionalización de sectores estratéxicos para preservar os postos de traballo.
Traballadores de Alcoa exixen a nacionalización da empresa para manter os postos de emprego (Imaxe: Carlos Castro / EP)
photo_camera Traballadores de Alcoa exixen a nacionalización da empresa para manter os postos de emprego (Imaxe: Carlos Castro / EP)

A anterior crise amosou que as nacionalizacións non eran cousa do pasado e que podían empregarse para beneficio da maioría, asegurando o traballo e repartindo riqueza, ou ben en favor do capital, socializando as perdas. 

Forzas como o BNG e Podemos teñen cifrado o rescate co que o Estado español salvou a banca en 60.000 millóns de euros, aínda que o Banco de España reduce esa cantidade a 42.017 millóns, xa que imputa outros 22 ao Fondo de Garantía de Depósitos dos propios bancos. Calquera das dúas cifras é indicativa do volume de cartos públicos mobilizado para asegurar o negocio financeiro e amosa o  proceso de desmantelamento das caixas de aforros na Galiza ao seren bancarizadas e nacionalizadas.

Así, o Estado, a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), acabou sendo accionista maioritario de entidades como Novagalicia Banco. Finalmente, unha vez rescatada e saneada cos cartos públicos, Abanca foi vendida ao banco venezolano Banesco por un prezo moi inferior aos resultados económicos que xerou ao ano seguinte da venda.

Socializar as perdas é a nacionalización doada. Mais hai outra, que é a de intervir publicamente nos sectores estratéxicos para desenvolvelos e xerar riqueza en beneficio do conxunto da sociedade. Eis precisamente unha urxencia que todos os sindicatos que conforman o comité de empresa da fábrica de Alcoa en San Cibrao están a pedir e que o BNG tamén reclama. 

A Moncloa rexeita, porén, a intervención de Alcoa. Considera que unha nacionalización non é a solución e aposta abertamente porque a multinacional do aluminio dea un paso ao lado e venda a planta de San Cibrao (Cervo).

É constitucional 

Un informe elaborado polo profesor de Dereito Carlos Aymerich na Universidade da Coruña avala que a nacionalización de Alcoa é conforme ao dereito constitucional e comunitario. 

Comentarios