Galiza perdeu 83.000 empregos xuvenís entre o ano 2009 e 2023

Os niveis de ocupación da mocidade galega continúan por baixo dos momentos previos ao comezo da Grande Recesión. Galiza rexistrou en xuño de 2023, 83.000 empregos xuvenís menos que en 2009.

Os servizos sostiveron a baixada do desemprego en novembro, cun descenso de 865 persoas rexistradas no paro neste sector (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera A mocidade ocúpase fundamentalmente no sector servizos (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A mocidade galega aínda non se recuperou da Grande Recesión. O seus niveis de ocupación continúan por baixo dos momentos previos ao estoupido da crise. Galiza marcou no pasado mes de xuño 83.000 empregos xuvenís menos que en 2009.

A poboación ocupada entre 16 e 29 anos reduciuse en 83.000 persoas nos últimos 12 anos. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), Galiza declarou en xuño de 2009, tras un ano de intensa destrución de emprego,  211.600 traballadores ocupados nesa franxa de idade. Neste caso, 8.400 deles situábanse na franxa de idade de 16 a 19, 60.400 na franxa de idade de 20 a 24 e 127.500 na franxa de idade entre 25 e 29. Así, as cousas a mocidade representaba nesa anualidade o 16,9% do total da poboación ocupada.

As cifras de 2023 son máis preocupantes. A este respecto, o IGE sinala que Galiza fechou esa anualidade con 116.400 ocupados entre 16 e 29 anos, correspondéndose a porcentaxe máis elevada coa  franxa de idade entre 25 e 29. Neste sentido, a mocidade representa 10,3% do total da poboación ocupada.

O sector servizos

O sector servizos ocupa a maioría da poboación xuvenil, até sumar 99.100 persoas menores de 29 anos. Ao tempo, 17.700 persoas entre 16 e 29 anos desenvólvense no sector industrial, 6.000 na agricultura e pesca e 5.800 na construción. 

Os indicadores laborais da mocidade non resisten comparación coa doutros sectores de poboación. Mentres o nivel de ocupación entre a mocidade caeu en 6,6 puntos desde 2009 e a súa taxa de actividade reduciuse nese período en 10,5 puntos, o grupo de idade entre de 30 a 64 anos recuperaba en 2018 os rexistros de emprego previo a Grande Recesión e en 2021 conseguiu incrementalos.

A destrución de emprego xuvenil é anterior a pandemia. Neste sentido, diferentes investigacións e estudos elaborados baixo a tutela pública confirmaron o peor comportamento do emprego na mocidade durante a Grande Recesión. Nesa dirección, destaca o  Informe sobre a empregabilidade da mocidade na Galiza, presentado polo Consello Económico Social (CES) en maio de 2021.

As críticas do CES

O relatorio do CES recolle que “mentres o número de persoas asalariadas de 30 ou máis anos apenas variou de 2008 a 2011 e de feito incrementouse en 0,4%, neste curto período prescindiuse de 1 de cada 3 persoas traballadoras asalariadas de 16 a 29 anos. Xa en 2019, con relación a 2008, o emprego asalariado de máis idade aumentou en 7,9% mentres que o máis novo caeu en 51,6% para o colectivo de 16 a 24 anos e en 45,3% para o de 25 a 29 anos”.

O documento do CES analiza que “os resultados da ocupación mostran que a crise destruíu unha cantidade inxente de emprego xuvenil”. Nesta liña, afirma que “de 2008 a 2014 pasouse de 241.599 persoas ocupadas a 118.336, cunha traxectoria moi descendente e cunha destrución de emprego cada ano, de media de 11,2%. A partir de 2015, se ben se conseguiu frear a redución na ocupación, o mercado mantívose estábel e foi incapaz de recuperar o perdido nos anos da crise”

Comentarios