Máis de 135.000 empregos de persoas de 16 a 34 anos foron destruídos desde 2009

A mocidade rexistra os peores datos de ocupación nas dúas décadas deste século. Á destrución continuada de emprego súmase un incremento exponencial do paro xuvenil. A emigración converteuse na única saída laboral para 141.235 persoas menores de 29 anos, que abandonaron Galiza desde 2009.
A temporalidade no emprego xuvenil chega a 39,9%, fronte á media global, que se sitúa en 20,1% (Europa Press).
photo_camera A temporalidade no emprego xuvenil chega a 39,9%, fronte á media global, que se sitúa en 20,1% (Europa Press).

A poboación ocupada entre 16 e 34 anos diminuíu en 135.364 persoas desde 2009 a 2022. Se en xaneiro 2009, a Galiza contaba con 348.271 persoas empregadas nesa faixa de idade, á volta de novembro de 2022 o país non superaba 212.907 ocupadas, desaparecendo 5.080 postos de traballo no grupo de 16 a 19 anos, 19.935 no grupo de 20 a 24 anos, 17.439 no grupo de 25 a 29 anos e 62.907 no grupo de 30 a 34 anos.

A faixa de idade inferior a 34 anos non recuperou en ningún dos seus tramos a taxa de emprego anterior a 2009. Neste sentido, presenta un comportamento diferencial a poboación maior de 34 anos, que en 2018 recuperaba os niveis de ocupación previos á gran recesión, superándoos en 2021.

A caída do emprego é proporcional á idade. Así, a súa baixada é máis acusada canto menor sexa esta, até representar unha diminución de 53,3 puntos na faixa entre 16 e 19 anos, de 34,2 puntos na faixa entre 20 e 24 anos, de 38,8 puntos na faixa entre 25 e 29 anos e de 38,6% na faixa entre 30 e 34 anos.

O desemprego xuvenil non deixa de medrar na Galiza nos últimos 13 anos e está por riba dos datos de 2009 na faixa de idade de 16 e 34 anos, situándose a taxa de paro no terceiro trimestre de 2022 para a poboación entre 16 e 19 anos en 40,2%, en 30,9% para a poboación entre 20 e 24 anos, en 16,2% para a poboación entre 25 e 29 anos e en 12,4 para a poboación entre 30 34 anos.

As persoas entre 16 e 34 anos representan 17,7% da poboación galega, mais significan 37% do total dos desempregados. Así, no terceiro trimestre de 2022 sumaban 50.000 desempregadas e desempregados para unhas cifras totais de 134.800 desocupados. Asemade, a taxa de paro é 29,4 puntos superior á media galega entre as persoas de 16 e 19 anos, 20,1 puntos superior á media galega entre as persoas de 20 e 24 anos, 5,4 puntos superior á media galega entre as persoas de 25 e 29 anos e 1,6 puntos superior á media galega entre as persoas de 30 e 34 anos. 

A destrución masiva de emprego xuvenil arranca en 2008. O Informe sobre a empregabilidade da mocidade na Galiza, presentado o 27 de maio de 2021 polo Consello Económico Social (CES) analizou o peor comportamento do emprego na mocidade durante a gran recesión.

O relatorio recolle que “mentres o número de persoas asalariadas de 30 ou máis anos apenas variou de 2008 a 2011, e de feito incrementouse en 0,4%, neste curto período prescindiuse de 1 de cada 3 persoas traballadoras asalariadas de 16 a 29 anos. Xa en 2019, con relación a 2008, o emprego asalariado de máis idade aumentou 7,9% mentres que o máis novo caeu 51,6% para o colectivo de 16 a 24 anos e o 45,3% para o de 25 a 29 anos”.

O traballo do o CES analizou que os datos mostrados anteriormente reflicten "o pouco éxito de calquera iniciativa de política activa destinada á empregabilidade dos mozos e mozas" e advertiu que "está causando un notábel envellecemento do cadro de persoal". 

Así, atendendo ao cadro de persoal, o informe do CES amosa que en 2008 había unha media de 3 persoas asalariadas con menos de 30 anos por cada 10 de entre 16 e 64 anos, mais en 2019 esta media pasou a ser de 1,3.

A eterna mocidade

Un informe publicado o pasado mes de novembro por Oxfam Intermon para o Consello da Xuventude de España baixo o título de A maldición da eterna xuventude, apunta que “se se analiza a evolución do emprego en relación coas persoas mozas, vemos que as caídas no PIB veñen acompañadas de caídas no emprego, especialmente entre quen desempeña traballos precarios, sectores nos que están sobrerrepresentadas as persoas mozas”.

A precariedade, derivada da temporalidade e a parcialidade, explican parte deste peor comportamento laboral da mocidade. Nesta dirección, até 19,2% da mocidade traballa a tempo parcial, cinco puntos porcentuais por riba da media total. Ademais, a temporalidade no emprego da mocidade chega a 39,9%, fronte á media global, que se sitúa en 20,1%.

Comentarios