A mocidade dobra as taxas de desemprego e temporalidade da poboación galega total

O paro das persoas entre 16 e 19 anos da Galiza alcanza unha cifra de 55,2%.
Até 71,6% das persoas ocupadas de entre 16 e 35 anos traballan no sector servizos (Foto: Nós Diario).
photo_camera Até 71,6% das persoas ocupadas de entre 16 e 35 anos traballan no sector servizos (Foto: Nós Diario).

Esta sexta feira, como cada 12 de agosto, conmemórase o Día Internacional da Mocidade. A poboación moza en idade activa, entre 16 e 35 anos, caeu na Galiza desde as 655.700 persoas no terceiro trimestre de 2009 até as 453.600 a comezos de 2022, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e do Instituto Galego de Estatística (IGE). Desta forma, este rango de poboación pasou de significar 27,2% da cidadanía galega a tan só 19,37% nese período.

Das 453.600 persoas mozas que viven hoxe na Galiza, tan só 214.800 están entre a poboación ocupada -as persoas que teñen un emprego ou exercen unha actividade independente e traballan, ou ben están sen traballar mais manteñen un vínculo formal co seu emprego- do país.

Unha taxa de emprego de 47,5%, que fai ver como menos da metade da poboación galega de menos de 35 anos ten actualmente un emprego. Ademais, a mocidade galega sofre a terceira peor taxa de actividade do Estado español, de 59%, só por riba de Asturies e Cantabria, e por baixo da media estatal, de 63,9%.

A taxa de paro xuvenil da poboación moza galega ascende até 19,7%, case dobrando a cifra de paro total no país, de 11,2%. O desemprego das persoas de entre 16 e 19 anos alcanza 55,2%. Pola súa parte, na franxa de entre 20 e 24 anos, a cifra tamén é considerábel, de 31,3%.

Segundo salientou esta quinta feira UXT, "destaca a gran dependencia do sector servizos na ocupación para a mocidade", no que traballan 71,6% das persoas ocupadas de entre 16 e 35 anos. O sindicato lembra "que o de servizos foi un sector moi azoutado pola crise, do cal se deduce que esta golpeou especialmente ás persoas mozas".

Con respecto aos tipos de contrato, até 19,2% da mocidade traballa a tempo parcial, cinco puntos porcentuais por riba do conxunto de idades. Unha porcentaxe que ascende até 48,7% na poboación de entre 16 e 19 anos e até 35,2% no caso das persoas de entre 20 e 24 anos. Por outra parte, a temporalidade no emprego das persoas mozas chega a 39,9%, practicamente dobrando a do conxunto de idades, que se sitúa en 20,1%.

En canto á fenda salarial, mentres as persoas de entre 25 e 35 anos perciben un salario medio anual de 18.156,40 euros, a cifra do resto das idades é de 22.834,66, supondo unha diferenza de 4.678,26 e de 20,5%.

O secretario confederal de Emprego da CIG, Paco Sío, en declaracións a Nós Diario, sinalou que "a crise interminábel na que está sumida a clase traballadora ataca fortemente o colectivo máis castigado, como é a mocidade".

Unhas actuais xeracións mozas que, ademais, "van ter por primeira vez unhas condicións de vida peores que as das xeracións anteriores", remarcou. Para Sío, "a nova reforma laboral súmase ás anteriores no castigo a colectivo da xente moza". "Podémolo ver coa aprobación dos contratos de formación e de prácticas como escusa para relegar á precariedade as xeracións cunha maior preparación da historia do noso país". 

Pola súa parte, CCOO deu a coñecer un manifesto co gallo do Día Internacional da Mocidade. O sindicato reivindica que "cómpre apostar pola mocidade como suxeito activo, reclamando e recuperando dereitos que palien esta situación precaria e defendendo os dereitos da xuventude".

A mocidade "precisa medidas de protección social, medidas máis aló do bono do alugueiro, para poder acceder a unha vivenda digna" así como "empregos e salarios de calidade", demandou CCOO. 

Dificultade para alcanzar a emancipación

A mocidade emancípase aos 30 anos no conxunto do Estado español, case tres anos máis tarde que a media da Unión Europea, segundo un informe publicado esta quinta feira por BBVA Research.

As cifras son aínda máis negativas na Galiza, como fai ver o Observatorio de Emancipación do Consello da Xuventude do Estado español. O motivo principal deste atraso, explica BBVA Research, é a dificultade de atopar vivenda a un custo accesíbel e nunha localización que satisfaga as preferencias.

Comentarios