Galiza destruíu en 2022 máis emprego autónomo que todo o resto do Estado

A Galiza liderou a destrución do emprego entre autónomas e autónomos no Estado español en 2022. Así, reducíronse en 2.897 as persoas traballadoras por conta propia a nivel galego e no total estatal caeron en 1.204. O sector do comercio retallista encabezou a caída, co feche de 1.600 negocios na Galiza.
Traballador autónomo na súa tenda (Foto: Arxina).
photo_camera O comercio retallista concentra 22,6% de todo o emprego autónomo na Galiza. (Foto: Nós Diario)

A Galiza rematou 2022 con 205.912 persoas rexistradas no Réxime Especial de Autónomos (RETA). A cifra representa 2.897 traballadoras e traballadores  por conta propia menos que en xaneiro de 2022, unha rebaixa que se sitúa en 1,4%. Neste sentido, o groso da destrución do emprego autónomo concentrouse en xaneiro, abril, agosto e setembro de 2022, sendo superior en 536 persoas o número de homes que cesaron na actividade.

Peor que o Estado

A cifra de autónomos minguou no Estado no pasado ano en 1.024 cotizantes. Mentres a comezos de xaneiro de 2022, o RETA rexistraba 3.329.427 persoas, esta cifra reducíase a 31 de decembro a 3.328.403, marcando un descenso de 0,4%. A caída das traballadoras e traballadores por conta propia superou na Galiza por un punto a media estatal, destruíndose en termos absolutos 1.693 empregos máis na Galiza que no conxunto do Estado.

A tendencia deste último exercicio situouse na liña de 2009. Se á volta de xaneiro dese ano Galiza dispuña de 232.112 persoas ocupadas por conta propia, 13 anos despois reducíronse a 205.912, perdéndose nese período 26.200 empregos. Ademais, diversos estudos apuntan a unha ampla bolsa de falsos autónomos na Galiza, cifrándoa a profesora da Universidade Carlos III de Madrid Raquel Carrasco e a súa compañeira da Universidade de Alcalá Virginia Hernanz en “30% do total de autoemprego na Galiza”.

A caída do emprego

O descenso do emprego autónomo concentrouse, especialmente, no sector do comercio retallista, con 1.600 persoas menos de alta no RETA. A este respecto, o presidente da Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad Sabarís, sinala a Nós Diario que “os datos da Galiza explícanse polo comportamento do comercio retallista”. Neste sentido, analiza que “o sector xa viña dunha situación precaria e, a maiores, a pandemia mudou a forma de consumir e a crise enerxética provocou a alza da inflación e isto agravou as cousas”.

O comercio retallista suma 22% do emprego autónomo na Galiza. Neste sector encóntranse inscritas no RETA 46.280 persoas, representando unha cifra semellante á media estatal, situada en 22,6%. 

Precisamente, neste colectivo vense reducindo a actividade de maneira continuada nos últimos. É aquí onde máis teñen descendido as traballadoras e traballadores por conta propia na última década. A este respecto, Abad lembra que “os negocios que fecharon foron aqueles que xa se situaban nunha situación de maior debilidade”.

O calzado e o téxtil

Abad destaca que  “o téxtil e o calzado son os máis prexudicados na crise destes tres últimos anos, as empresas fabricantes, principalmente españolas, venden os seus produtos practicamente ao mesmo prezo que para a venda en liña, e os pequenos comerciantes non poden competir co comercio por internet.

Esta situación asfíxiaos e estaos levando á quebra". Nesta liña, reclama "a intervención urxente do Estado para controlar os prezos de referencia de venda" e denuncia "o dumping que se está producindo, vulnerando o dereito á competencia”.

O presidente de UPTA esixe “medidas eficaces” ás administracións “se queremos que o comercio local continúe a ser unha locomotora nos barrios”. Nesa dirección, denuncia “as rebaixas encubertas que durante todo o ano, baixo diversas fórmulas, promoven os grandes operadores comerciais coas que os pequenos comercios non poden competir”. 

Neste caso, lembra que “a competencia para lexislar en materia de rebaixas correspóndelle á Xunta da Galiza” e lamenta que “na práctica están liberalizadas e semellan a selva”.

Cambio de hábitos 

O dirixente da entidade que reúne traballadoras e traballadores por conta propia advirte de como o contexto está impactando nos hábitos de compra: “As vendas online aumentaron no último ano en 17% na Galiza e as vendas nas grandes superficies comerciais medraron en 9%. Porén, no comercio retallista só creceu en 3%”, conclúe.

Os dous primeiros anos resultan chave

Eduardo Abad sinala a Nós Diario que “80% dos traballadores por conta propia que cesan na súa actividade fano nos primeiros dous anos desde o inicio” da actividade, polo que demanda das administracións competentes “unha mudanza na política de axudas e incentivos” ao colectivo.

Comentarios