Axudas de até 1.500 euros para autónomos: así podes solicitalas

O Goberno galego aproba unha liña de axudas directas a negocios dirixidos por persoas autónomas para afrontar a crise de prezos.
54 autónomas galegas déronse de baixa cada día o pasado mes de abril (Arxina).
photo_camera O país perde cada día sete persoas autónomas. (Foto: Arxina)

As axudas directas de até 1.500 euros do programa 'Impacto Autónomo' que impulsa a Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade poderán solicitarse desde o próximo 9 de xaneiro e até o 9 de febreiro.

Precisamente, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta cuarta feira as bases da convocatoria da primeira edición desta iniciativa, que conta cun investimento de 30 millóns de euros e ofrece subvencións directas a autónomos de entre 800 e 1.500 euros para minimizar o impacto da suba de custos en materias primas e subministracións como os enerxéticos.

Tal como informou a Xunta nun comunicado, 'Impacto Autónomo' pretende axudar de forma específica aos autónomos a paliaren o custo da vida. Así o expuxo a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, nunha visita que realizou en Lugo á empresa Pampering, dedicada á elaboración de produtos de panadaría e confeitaría.

Os beneficiarios destas axudas serán persoas autónomas dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou no Réxime do Mar, con domicilio na Galiza e con rendementos netos mínimos de 10.000 euros e máximos de 30.000 euros no ano 2021.

No caso de autónomos societarios, a facturación da compañía terá que ser como mínimo de 50.000 euros e non poderá superar os 750.000 euros. A contía da axuda estabelecerase en función do rendemento e conforme á escala que publica o DOG.

A Federación de Autónomos da Galiza alerta esta quinta feira de que durante o pasado ano perdéronse cada día sete persoas autónomas, facendo un total de 2.584 ao remate de 2022.

Comentarios