É Galiza un país para emprender? Cada día pérdense sete autónomos, máis da metade no comercio

O pasado ano cesaron a súa actividade até 2.584 persoas autónomas, os perores datos desde a recesión económica de 2008.
Comercio retallista (Foto: Arxina).
photo_camera O comercio polo miúdo sofre o maior impacto da crise. (Foto: Arxina)

A Federación de Autónomos da Galiza vén de facer balance dun ano 2022 "pésimo" para os traballadores e traballadoras por conta propia, ao rematar cos peores datos desde a crise de 2008 debido á perda de centos de persoas autónomas no conxunto do país, en comparanza coas cifras ao termo de 2021.

Esta quinta feira, a través dun comunicado, a federación denunciou que a Galiza perdeu cada día sete traballadores autónomos ao longo do pasado ano, unha realidade "triste" e "tráxica".

O país despediu o ano 2022 con até 2.584 persoas menos inscritas no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, máis da metade correspondentes ao sector do comercio, o máis afectado pola crise de prezos.

Advirten que a Galiza perdeu afiliados "todos os meses" desde o mes de xuño, o que truncou a evolución positiva do segundo trimestre que fixo rematar o ano cunha "cifra paupérrima" de 206.225 autónomos, "o mínimo da serie histórica".

A Coruña segue á cabeza en número de autónomos na Galiza, con 84.132 ao finalizar o ano, seguida de Pontevedra, con 67.263. Após as dúas circunscricións do Atlántico fica Lugo, con 32.073 afiliados, e fecha Ourense, que finalizou decembro con 22.797 autónomos.

Máis de 1.000 comercios fechados

Segundo datos publicados o pasado ano polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en setembro de 2022 a Galiza contaba con 47.073 negocios dedicados ao comercio retallista e a reparación de vehículos de motor, mentres un ano antes rexistraba 48.478, o que se traduce na perda de máis de 1.400 estabelecementos comerciais.

Aliás, un recente informe da Federación Galega de Empresas inmobiliarias (Fegein) alerta de que o número de locais baleiros aumentará en nada menos que 20% no primeiro cuadrimestre de 2023, unha situación que a entidade cualificou de "demoledora", especialmente tendo en conta que entre xullo e outubro do pasado ano xa se rexistrara unha repunta de 9,5%, ascendendo os estabelecementos sen actividade a 6.950 en todo o país.

Así as cousas, o comercio polo miúdo diminuíu as súas vendas en outubro de 2022, a pesar de que a media no Estado español avanzou 1,4% no décimo mes do ano precedente.

Comentarios