Persoal de Inspección de Traballo voltará á folga en maio e ameaza con facela indefinida

Sindicatos exixen cumprir o acordo de xullo de 2021 e incorporar de maneira inmediata os 500 efectivos prometidos.
Rolda de prensa da representación sindical de Inspección de Traballo. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa da representación sindical de Inspección de Traballo. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Os sindicatos con representación na Inspección de Traballo e Seguridade Social anunciaron esta segunda feira unha segunda fase de mobilizacións para protestar contra a situación "precaria" do organismo e a falta de persoal. Tras as tres folgas celebradas até a data, nesta nova fase de mobilizacións incluirase tamén a convocatoria dunha nova folga para o mes de maio, que se transformará en indefinida "antes do verán" se o Goberno estatal non ofrece solucións.

Esta plataforma sindical, integrada por CCOO, CIG, CSIF, Sitss, Sislass e UPIT, anunciou que en maio se convocarán tamén concentracións e manifestacións, así como fechamentos nos centros de traballo, todo co obxectivo de que o Goberno cumpra co acordo que subscribiu cos sindicatos en xullo de 2021 para reforzar e incrementar o persoal da Inspección.

Os sindicatos formalizarán a vindeira cuarta feira na sede da Unión Europea en Madrid unha denuncia contra o Goberno español por incumprir o citado acordo de xullo de 2021 e "vulnerar" a Carta de Dereitos Fundamentais en materia de negociación colectiva.

Para os sindicatos, a situación que vive a Inspección e o incumprimento dos compromisos adquiridos, demostra a "nula vontade política" por parte de Moncloa para dar solución ás deficiencias da Inspección.

As organizacións sindicais argumentan que a anterior Relación de Postos de Traballo da Inspección data de hai máis de 20 anos, polo que exixen dar cumprimento ao acordado e incorporar de maneira inmediata os 500 efectivos que se prometeron con carácter de urxencia e, progresivamente, o resto de persoal comprometido.

As centrais sindicais advirten de que a Inspección está a funcionar por vontade dos seus traballadores, porque realmente "está en colapso", con xornadas laborais "insoportábeis", que requiren traballar sábados e domingos para cumprir obxectivos, e todo iso "á conta da saúde e seguridade" do seu persoal.

O departamento está composto por 3.000 efectivos en todo o Estado español, dos que 2.200 son inspectores e subinspectores e o resto, persoal de estrutura, que deben atender 20 millóns de afiliados á Seguridade Social, 1,4 millóns de empresas e 10 millóns de pensionistas.

Comentarios