Sindicatos convocan hoxe concentracións en Inspección de Traballo e irán a folga esta cuarta feira

Sindicatos con representación na Inspección de Traballo e Seguridade Social concentraranse esta segunda feira, 23 de xaneiro, para exixir o reforzo do persoal do organismo.
Cartel en Inspección de Traballo.
photo_camera O persoal da Inspección de Traballo busca reforzos.

Sindicatos con representación na Inspección de Traballo e Seguridade Social concentraranse esta segunda feira, 23 de xaneiro, ás 12.00 horas, ante as sedes do organismo para lembrar ao Goberno que segue sen cumprir o acordo asinado o pasado 7 de xullo de 2021.

CIG, CCOO, UXT, CSIF, Sitss, Sislass, UPIT e Usess, as organizacións convocantes, lembran que estas protestas enmárcanse dentro do "conflito que se mantén na Inspección de Traballo e Seguridade Social" para lograr un reforzo do persoal do organismo.

Os sindicatos reprochan ao Ministerio de Traballo e Economía Social e ao Ministerio de Facenda e Función Pública a falta de avances no acordo asinado hai máis dun ano e medio, e a deterioración dos servizos da Inspección ante a ausencia de medidas necesarias para corrixir as súas deficiencias.

As organizacións sindicais lamentan que a carteira que dirixe a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, opte polo "silencio", mentres que o Ministerio de Facenda e Función Pública "segue oculto", e a Presidencia do Goberno contesta con "dous folios" ás súas esixencias.

Folga na cuarta feira, 25 de xaneiro

As concentracións desta segunda feira son accións dentro "da confrontación laboral aberta na Inspección de Traballo", que os sindicatos seguirán "endurecendo" se non obteñen respostas favorables.

A seguinte protesta contra a Inspección de Traballo será a folga da cuarta feira, 25 de xaneiro, que conta co respaldo de todos os sindicatos do organismo.

"Será unha nova demostración do cansazo e fastío do persoal da Inspección de Traballo e Seguridade Social, así como da súa disposición para levar a pelexa pola defensa dos seus dereitos, a pelexa por defender o reforzo deste organismo, a pelexa por acabar con todas as deficiencias que se sofren na ITSS até onde sexa necesario", alertaron os sindicatos nun comunicado.

As mobilizacións estenderanse até febreiro

Os sindicatos denuncian a falta de persoal da Inspección de Traballo e Seguridade Social para atender a 20 millóns de afiliados e afiliadas á Seguridade Social, 1,4 millóns de empresas e 10 millóns de pensionistas. Ademais, sosteñen que o ano pasado quedou sen executar máis do 20% do orzamento previsto para a Inspección de Traballo.

O calendario de mobilizacións ampliarase até o 22 de febreiro, data na que os sindicatos prevén unha nova xornada de folgas se o Goberno segue sen atender as súas reivindicacións e mantén o incumprimento do acordo de xullo de 2021.

Comentarios