A CXT desconvoca a folga en Inditex tras acordar un salario mínimo de 18.000 euros

Fontes sindicais advirten que estarán vixilantes para que a aplicación do acordo sexa "real", polo que aínda non "abandonan a loita".
Acción reivindicativa das dependentas de Inditex a pasada segunda feira na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acción reivindicativa das dependentas de Inditex o pasado mes de decemebro na Coruña. (Foto: Nós Diario).

A Confederación Xeral do Traballo (CXT) decidiu na tarde desta sexta feira desconvocar a folga das traballadoras de Inditex tras o acordo entre os sindicatos e a firma téxtil para fixar un salario mínimo de 18.000 euros ao ano.

A organización sindical valorou "positivamente" que Inditex abrise "a man" e definiu o acordo como "un feito histórico", aínda que estarán pendentes de como será o impacto real, xa que non manexan aínda cifras detalladas. "Non abandonamos a loita, aínda que imos esperar", explicaron fontes de CXT.

Durante a rolda de prensa na que anunciaron que se desconvocaba esta folga, a CXT expresou que estas subidas salariais son "froito" das mobilizacións previas que se levaron a cabo en distintos puntos do Estado.

En concreto, Inditex e os sindicatos finalizaron o proceso de negociacións que comezou o pasado mes de outubro cun acordo polo que se estabeleceu un salario mínimo fixo para o conxunto das traballadoras das tendas do grupo independentemente do convenio colectivo de aplicación do seu salario fixo. 

Ademais, non se contarán os conceptos vinculados á antigüidade, así como todos os conceptos variábeis (comisións, incentivos ou nocturnidade) e os pluses que abona Inditex, que non aparecen en convenio.

Salarios 

Segundo as táboas que se acordaron cos sindicatos, o grupo I (dependenta e caixeira de menos de 18 meses de antigüidade) cobrará como mínimo 18.000 euros anuais; o grupo II (dependenta e caixeira de 18 meses e 4 anos de antigüidade) cobrará 20.000 euros anuais; o grupo III (dependenta e caixeira de 4 anos de antigüidade en diante) terá un salario de 22.000 euros ao ano e o grupo IV (responsábeis, caixeira central) cobrará 24.500 euros anuais.

A CXT fixera un chamamento aos traballadores de Inditex para concentrarse fronte a todas as tendas da compañía hoxe mesmo, algo que finalmente non ocorrerá.

Case 30.000 traballadoras

O 70% do cadro das tendas de Inditex no Estado, dun total de 27.000 empregados, sitúase na escala do tramo salarial de 20.000 euros ou máis anuais, segundo estimacións obtidas por Europa Press.

Todas os empregadas reciben, ademais, unha retribución variábel adicional vinculada ás vendas, que inclúe fundamentalmente unha comisión mensual e, en 2023, tamén un incentivo anual de 1.000 euros.

Desta forma, o groso do cadro dos estabelecementos do grupo fundado por Amancio Ortega ten unha antigüidade superior a un ano e medio ou ocupa postos de responsabilidade.

Comentarios