CXT convoca unha nova folga a nivel estatal en Inditex para exixir unha suba salarial e "condicións dignas"

O sindicato chama todo o persoal das tendas de 'Zara', 'Lefties' e 'Pull&Bear' a mobilizarse o 11 de febreiro para "dar continuidade" ás mobilizacións que decorreron nas últimas datas en lugares como A Coruña.
Mobilización do persoal de Inditex na Coruña, o pasado novembro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Mobilización do persoal de Inditex na Coruña, o pasado novembro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A Confederación Xeral do Traballo (CXT) convocou o próximo 11 de febreiro unha folga estatal de persoal das tendas Zara, Lefties e Pull&Bear para esixir unha suba salarial equiparábel á conseguida polas traballadoras das tendas da provincia da Coruña. "A folga estatal convocada por CXT fai un chamamento ás traballadoras e traballadores das tendas Zara, Lefties e Pull&Bear de toda España como acto de continuidade das mobilizacións que xa veñen desenvolvendo en diferentes cidades nas últimas semanas", sinalou o sindicato.

En concreto, CXT exixe unha suba salarial de 500 euros para aquelas persoas que traballan de 15 a 40 horas semanais, de 250 euros para os empregados e empregadas que teñen un contrato inferior a 15 horas semanais, equiparación salarial do traballo os domingos co dos días festivos e equiparación de axudas sociais aos doutros sectores como son loxística, fábrica e oficinas centrais.

Proposta de Inditex

Pola súa parte, Inditex propuxo implantar salarios fixos garantidos para todo o grupo, marcas e territorios no marco da mesa estatal constituída con CCOO e UXT para abordar medidas globais en materia salarial. Así, a compañía propón homoxeneizar condicións a través da definición de mínimos garantidos de salario fixo anual, complementando as retribucións estabelecidas por convenio até alcanzar os devanditos mínimos, segundo explicaron desde Comisións Obreiras.

A eses mínimos garantidos de salario fixo sumaríase a retribución variábel en función do sistema de participación en vendas, no cal tamén a compañía aposta por unha maior homoxeneización. E no que atinxe ás melloras sociais, Inditex estaría disposta, segundo explica o sindicato, a implantar axudas por familiar a cargo, por nacemento de fillo, para material escolar, para matrícula da universidade, para gardaría —se non é gratuíta— e para adopción internacional.

"Desde CCOO estudaremos as propostas en materia salarial, á espera de maior detalle, á vez que insistimos na necesidade de concretar acordos sobre condicións sociais, garantías dun mínimo de horas na contratación a tempo parcial e medidas de conciliación —fins de semana de calidade e descansos semanais—", sinalou o sindicato.

Aliás, solicitou que se describa "claramente" a forma na que as tendas van participar na venda 'en liña' e a compensación económica polo desenvolvemento do devandito traballo.

A finais de xaneiro, coincidindo coa anterior reunión cos sindicatos, Inditex comprometeuse a abonar un anticipo a conta de 3% nas provincias con convenios bloqueados e sen suba salarial pactada para 2023, alénde garantir e renovar o incentivo de 1.000 euros para dependentes e dependentas pactado o pasado mes de novembro —600 euros no caso de xornadas inferiores a 24 horas semanais—.

Comentarios