Persoal de Inditex: "Nesta compañía existe discriminación salarial e social"

Persoas traballadoras das tendas de Inditex destacan a unión entre o cadro de persoal para continuar coas súas reivindicacións laborais.
Mobilización durante a primeira xornada de folga das traballadoras das tendas de Inditex, o pasado 25 de novembro na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Mobilización durante a primeira xornada de folga das traballadoras das tendas de Inditex, o pasado 25 de novembro na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O persoal das tendas de Inditex dos concellos comprendidos na provincia da Coruña está a desenvolver unha cadea de mobilizacións para pedir unha mellora das súas condicións laborais.

Así o explica Vanessa Castiñeira, traballadora de Zara Home na Coruña, que sinala a Nós Diario que "existe unha discriminación dentro da nosa compañía respecto a persoal de similar categoría doutros departamentos". "Trátase dunha discriminación salarial e social", defende.

"Hai unha paga por crianza con discapacidade, e mentres noutros departamentos a contía é de 200 euros, no caso das dependentas coma min tan só é de 150, como se as nosas crianzas valesen menos", denuncia. "A diferenza tamén está na axuda para os libros de ensinanza dos nenos e nenas, que a teñen outros departamentos, mais da que nós non gozamos", láiase. 

"Teñen abono para comedor e salario extra por festivos e sábados, cousas ás que o noso colectivo non ten acceso", adhire a dependenta de Zara Home. "No almacén de loxística teñen un salario base de 2.011 euros e nós temos un de 1.053, cando teñen unha categoría laboral similar", afirma Castiñeira.

Manuela Gómez, traballadora de Zara en Compostela, explica a este xornal que "hai unha diferenza salarial moi grande con departamentos como o de loxística, e cremos que isto ten moito que ver con que historicamente a maioría somos mulleres". "Non nos sentimos discriminadas no noso traballo por ser mulleres mais si é verdade que hai unha fenda salarial moi notábel".

"Eles foron conseguindo esas melloras laborais loitando, que ninguén llas regalou, e nós fomos conseguindo tamén moitas melloras, tamén porque as loitamos, mais a verdade é que hai unha diferenza moi importante", sinala Gómez. 

"A nós non se nos abre a porta nin a negociar, porque non deixan participar á nosa representante sindical, van asinar un acordo a Madrid que a nós non nos representa, porque a nós quen nos representa é a CIG", afirma a traballadora. "Asinaron un acordo con CCOO e UXT que a nós ninguén nos consultou, porque pola nosa tenda non veu ninguén destes sindicatos a preguntar se estabamos de acordo con iso", conclúe Gómez.

Marcos Mesejo, traballador de Massimo Dutti na Coruña, sinala a Nós Diario que "levan case cinco anos cos ingresos practicamente conxelados e que cobran pouco máis que o salario mínimo". "Hai xente que para sobrevivir está poñendo copas pola noite, e é unha vergoña que isto aconteza nunha empresa como Inditex que ten un beneficio descomunal", explica Mesejo.

"Ademais da gran diferenza co que percibimos nós polo salario base, no departamento de loxística teñen un incremento por antigüidade, unha cuestión da que nós non nos podemos beneficiar", denuncia. "Co tempo que levo como dependente na tenda, en outro departamento tería incrementado os meus ingresos sobre 550 euros", afirma.

Castiñeira, Gómez e Mesejo aseguran que o seguimento das xornadas de folga nas tendas onde traballan foi da práctica totalidade do persoal indefinido. Ademais, afirman que a unión dos cadros de persoal é moi forte e que seguirán coas súas reivindicacións até conseguilas.

Novas xornadas de folga os días 23 de decembro e 7 de xaneiro

Lucía Domínguez, presidenta do comité provincial de Stradivarius e traballadora na Coruña, sinala que as xornadas de folga do pasado mes de novembro foron para a CIG "un éxito total cun rotundo seguimento". "Acudiron á folga a práctica totalidade dos cadros de persoal, salvo mandos intermedios e persoal eventual", explica.

"Agora temos convocadas novas xornadas de folga nos días 23 de decembro e 7 de xaneiro", anuncia Domínguez. Ademais, conclúe, "de non haber cambios na postura da empresa, a xente está moi animada para pasar á convocatoria de folga indefinida".

Comentarios