Nova folga en Inditex: "O acordo sindical permite fechar tendas non por perdas, senón para obter máis beneficios á conta das traballadoras"

A intención da multinacional de fechar a tenda de Massimo Dutti nas Cancelas (Santiago) e outras en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía pon en alerta a CIG, que convoca desde hoxe folga indefinida para o persoal deste estabelecemento comercial da capital galega e critica o acordo selado entre Inditex, CCOO e UXT.
A empresa xa comunicou a súa decisión de fechar a tenda de Massimo Dutti no centro comercial As Cancelas, en Compostela. (Foto: CC As Cancelas)
photo_camera A empresa xa comunicou a súa decisión de fechar a tenda de Massimo Dutti no centro comercial As Cancelas, en Compostela. (Foto: CC As Cancelas)

A CIG convocou folga indefinida a partir desta segunda feira, día 23, na tenda de Massimo Dutti que Inditex ten aínda operativa no centro comercial das Cancelas, en Compostela. A convocatoria prodúcese logo de que a multinacional comunicase a súa decisión de fechar este e outros centros de traballo.

Carmen Naveira, representante da CIG, aclara así que a das Cancelas "non é a única tenda" que a empresa prevé clausuarar, pois a pasada semana tamén anunciou a súa intención para os Bershka de Vilagarcía e Pontevedra e mais o Kiddy's Class de Vigo, precisa o sindicato. Unha medida que afectará, segundo os seus números, unhas 45 traballadoras.

"Para xustificar esta medida, a empresa ampárase unha vez máis no acordo alcanzado con CCOO e UXT sobre o proceso de dixitalización das vendas", apunta a organización sindical. Sobre esta cuestión, Naveira afirmaba recentemente a Nós Diario que o devandito acordo "non ten validez", dado que "na Galiza quen ten a máxima representación é a CIG".

Polas súa parte, fontes de Inditex consultadas por Europa Press sinalan que "o fechamento desta tenda forma parte do plan de optimización da superficie comercial e todos os traballadores afectados van recibir ofertas de recolocación noutras tendas, como vén sendo a norma en todos os casos en que se produciron fechamentos e como foi acordado cos sindicatos a nivel estatal".

Unha valoración ben distinta é a que fan desde a CIG, entendendo que o acordo "permite [a Inditex] fechar tendas non porque dean perdas, senón para obter máis beneficios á conta das traballadoras". Desde a central sindical critican que os fechamentos "non van acompañados dun proceso de recolocación con garantía de mantemento do emprego e de condicións laborais e salariais".

Así, sosteñen que as vacantes que ofrece a empresa "non teñen un mínimo de calidade" e "a alternativa que queda ás traballadoras é a de acollerse a unha praza en peores condicións, algunhas con xornadas semanais ridículas ou con horarios que lles impiden conciliar".

Á convocatoria na tenda de Massimo Dutti das Cancelas poderanse sumar máis tendas do resto das cadeas afectadas polos fechamentos previstos pola multinacional do sector téxtil, e a CIG, ao mesmo tempo, avanza novas concentracións para protestar contra a clausura de tendas da compañía.

Comentarios