Consenso para a estabilidade laboral nos concellos galegos

Chegou o acordo entre a CIG, CCOO e UXT coa Fegamp para elaborar as convocatorias de estabilización no emprego público local..As prazas a cubrir no proceso de estabilización deben ser ofertadas dando cumprimento aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.
O presidente da Fegamp, Alberto Varela (Foto: Fegamp).
photo_camera O presidente da Fegamp, Alberto Varela (Foto: Fegamp).

Houbo acordo nos criterios comúns que servirán de guía para a elaboración das convocatorias de estabilización no emprego público local na Galiza.

A CIG, CCOO e UXT veñen de consensuar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), segundo informan nun comunicado, “as medidas para combater a elevada temporalidade existente; previr e sancionar o abuso e a fraude na temporalidade a futuro e potenciar a adopción de ferramentas e unha cultura da planificación para unha mellor xestión dos recursos humanos”.

No documento, asinado por todas as partes, recóllense os requisitos para a publicación das convocatorias de procesos selectivos, que deberá producirse, en todo caso, antes do 31 de decembro deste anos, para que estean resoltos antes do 31 de decembro de 2024.

Ademais, as prazas a cubrir no proceso de estabilización deben ser ofertadas dando cumprimento aos principios de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

Ademais, o texto aclara cuestións referidas á titulación académica exixida e aos requisitos lingüísticos e recóllense tamén os sistemas selectivos a utilizar. Neste sentido apúntase que será o de concurso-oposición, no que se terá en conta maioritariamente a experiencia no corpo, escala, categoría ou equivalente de que se trate e os exercicios poderán non ser eliminatorios. A fase de oposición valorarase cun 60% e a de concurso cun 40% da puntuación total.

O acordo recolle os criterios de baremación tanto da fase de oposición como de concurso. 

Valoración de méritos

En relación ás medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, o sistema será o de concurso de valoración de méritos. “Un proceso de carácter excepcional e por unha soa vez para o que tamén se apuntan os criterios”, sinalan, e ademais “estabelécese que o número de prazas incluídas nesta quenda para persoas con discapacidade será equivalente ás que xa están cubertas temporalmente por persoal con esta condición acreditada”.

Xunto a isto acórdase comunicar ao persoal temporal ou funcionario interino que a praza vai ser obxecto de convocatoria. Alén diso identificarase na convocatoria “as prazas a ofertar, o respecto ás bases de negociación colectiva e a compensación económica derivada de non superar estes procesos".

Comentarios