Colectivos do mar impulsan unha iniciativa lexislativa para protexer a pesca fronte a proxectos industriais

Comezarán a recoller sinaturas após o verán para debater a ILP no Parlamento co fin de “garantir a actividade tradicional”

Represenantes de colectivos do mar e das confrarías galegas esta sexta feira no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera Represenantes de colectivos do mar e das confrarías galegas esta sexta feira no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)

Diferentes colectivos do mar e as confrarías galegas impulsan unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para o "recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras tradicionais da Galiza".

Este sexta feira, representantes de varias asociacións acudiron ao Parlamento, en Compostela, para rexistrar o primeiro paso co que pór en marcha esta ILP. Así, prevese que despois do verán se comece coa recollida de sinaturas, até chegar a un mínimo de 10.000 para que sexa debatida en pleno parlamentario.

En declaracións aos medios ante a Cámara, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, explica que teñen previsto tamén reunirse con deputados dos tres grupos co fin de buscar o seu apoio para a tramitación, "porque esta é unha cousa de todos". Remarca que a comisión organizadora é "totalmente diversa e plural".

Neste sentido, esta ILP busca que se inclúan dous artigos novos, no título un da vixente lei de pesca, que "recoñezan o interese esencial destas actividades tradicionais" e que "nos plans de ordenación marítima da Galiza se contemple como prioritaria a protección destas actividades fronte a outros usos".

Así, Rubido alerta de que "o sector do mar tradicional da Galiza está totalmente desprotexida, por desgraza". "Esta iniciativa o que pretende é ocupar ese baleiro, que é unha iniciativa de todo conxunto do mar da Galiza, que ten como finalidade liquidar esa deficiencia que temos na nosa lexislación e garantirlle un futuro a medio prazo para o sector do mar", expón.

E é que se queixa de que as actividades pesqueiras e marisqueiras "están en inferioridade de condicións legais" fronte os proxectos mineiros, eólicos ou industriais que "teñen declaración de interese xeral". "Entón, sempre que hai un conflito de intereses, sempre se resolve a favor desas grandes multinacionais", lamenta.

Sobre o momento no que se rexistra esta ILP, coincide nun momento dunha caída produtiva "preocupante" e "coa necesidade de que realmente desde a Consellaría do Mar se impulsen plans de rexeneración para recuperar a actividade", que estean "dotados economicamente" e con "un estudo multidisciplinar que aborde as causas". Con todo, remarca que isto "é algo que está á marxe desta ILP", a cal ten un carácter máis de "medio e longo alcance".

Así mesmo, lembra que entre 25.000 e 30.000 persoas dedícase ao sector do mar na Galiza, o "sector económico deste país que ten maior importancia con relación aos sectores económicos da Unión Europea". Por todo iso, búscase que "se cre unha especie de marea de apoio a esta iniciativa" que "favorece ao conxunto dos galegos e galegas, ás súas tradicións, á súa cultura e á súa identidade".

Comentarios