GRÁFICOS

43 colectivos culpan a Xunta do "devalo produtivo" da ría de Arousa, que perdeu en 2022 dous terzos da produción de ameixa

"Levamos desde hai moitos anos reclamando un maior apoio, atención e coidado á Administración en relación ás súas obrigas legais e morais de protexer as rías", sinalan, advertindo das consecuencias destas perdas para os "miles de familias" que dependen do marisqueo no país.
#ameixa #arousa #ría #marisco #marisqueo #mariscadora A produción de ameixa caeu dous terzos en 2022 a respecto da media anual das dúas últimas décadas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A produción de ameixa caeu dous terzos en 2022 a respecto da media anual das dúas últimas décadas. (Foto: Nós Diario)

Até 43 colectivos ecoloxistas, sociais, sindicais e do mar asinaron esta quinta feira unha declaración conxunta na que denuncian o "devalo produtivo" das rías galegas, nomeadamente a de Arousa, e culpan directamente a Xunta desta situación que se traduce, inciden, nunha considerábel redución da produción e rendibilidade do sector marisqueiro. Tomando como referencia a media de capturas anual entre 2002 e 2021, sinalan que o pasado ano experimentou unha caída de até dous terzos nas vendas de ameixa babosa, fina e rubia. O berberecho, pola súa parte, perdeu un cuarto.

O caso máis significativo dos achegados por estas entidades é o da ameixa babosa, pois en 2022 o seu volume de vendas minguou até as 176 toneladas na Arousa, por valor de 3,2 millóns de euros. Son apenas un terzo das capturas anuais das dúas últimas décadas (574 toneladas de media) e supoñen unha perda de até 6,6 millóns de euros, apuntan.

A situación repítese coa ameixa fina, que pasou de representar 342 toneladas e 9,6 millóns de euros de media a 134 toneladas e 4 millóns, así como a ameixa rubia, cuxas vendas reportaron 1,2 millóns de euros o pasado ano a conta de 93 toneladas. Ou, o que é o mesmo, menos da metade da media dos últimos anos (2,9 toneladas) e unhas perdas económicas de 1,7 millóns. No caso do berberecho quitan da ecuación a confraría de Carril e advirten dunha caída da produción de 724 toneladas e 3,7 millóns de euros a 553 toneladas e 3,5 millóns ingresados en 2022.

No conxunto da Galiza, incluíndo todas as confrarías do país, os datos tampouco convidaron ao optimismo o pasado ano no que atinxe aos bivalvos, pois a súa produción caeu nunha proporción semellante, como se pode observar na seguinte táboa.

"Levamos desde hai moitos anos reclamando un maior apoio, atención e coidado á Administración en relación ás súas obrigas legais e morais de protexer as rías e, sinaladamente, no referente á necesidade de adicar recursos humanos, económicos e tecnolóxicos para investigar e vixiar as condicións ambientais, as verteduras, a calidade da depuración das deduradoras e a calidade das augas dos ríos que alimentan as rías", lamentan.

A pesar da "tendencia alcista" dos prezos nos últimos anos como consecuencia da escaseza de produto, salientan, o pasado 2022 fechou cunhas perdas económicas considerábeis que reducen até a metade os ingresos en comparanza coa media anual de 2002 a 2021. "Se tomamos como referencia a media euros/ano dos pasados vinte anos e tendo en conta a diminución do valor do euro derivada da inflación, as perdas en lonxa do conxunto da Galiza en 2022 elévanse a 25,7 millóns de euros; 14,1 millóns na ría de Arousa", precisan.

Esta situación repercute, lembran, "nos ingresos das miles de familias" que dependen do sector marisqueiro no país. "Este devalo produtivo afecta directamente aos postos de traballo: en 2001 tiñamos na Galiza 6.551 permex de mariscadoras e mariscadores; na ría de Arousa, 2.621. E, no ano 2022, temos na Galiza 3.614; 1.613 na Arousa", alertan.

"Desde os sectores afectados e os colectivos ecoloxistas levamos moitos anos reclamándolle á Xunta da Galiza a rexeneración integral das rías, o control efectivo dos vertidos e un plan de rexeneración urxente dos bancos marisqueiros cunha forte dotación económica cun estudo multidisciplinar que analice as causas deste alarmante deterioro progresivo", subliñan estes 43 colectivos.

Ao mesmo tempo, lamentan que, de forma paralela ao "abandono e desleixo" no que atinxe á "deterioración ambiental e produtiva" do mar galego, a Administración "adicouse a aprobar un conxunto de normativas como a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais (lei 5/2017), a Lei de avaliación ambiental (lei 9/2021), o anteproxecto da Lei de ordenación do litoral e o anteproxecto da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais, que, todas elas no seu conxunto, constitúen unha andamiaxe legal encamiñada a recortar os nosos dereitos ambientais e favorecer, promover e axilizar diferentes iniciativas empresariais que son claramente lesivas para o ambiente e os sectores produtivos da Galiza".

Comparativa de capturas. (Fonte: Colectivos na defensa da ría de Arousa)
Comparativa de capturas. (Fonte: Colectivos na defensa da ría de Arousa)

E advirten que estes proxectos, que exemplifican na aprobación de novos parques eólicos, minas, acuicultura industrial ou a fábrica de Altri, "traerán máis contaminación aos ríos e as rías e ocuparán o espazo marítimo tanto dos nosos caladoiros e das actividades pesqueiras como das actuais concesións marisqueiras e das bateas".

"Entendemos que o abandono do noso mar xunto coa andamiaxe legal para furtar dereitos ambientais e cidadáns, son dúas caras dun mesmo obxectivo: mudar o modelo produtivo sen que haxa un debate social sobre as consecuencias socioeconómicas e ambientais para o conxunto dos intereses maioritarios da sociedade galega. Porque o novo modelo que se pretende instaurar favorece a intereses foráneos e minoritarios e crea menos postos de traballo que os que destrúe", conclúen.

Asinan o texto as seguintes asociacións, entidades e colectivos: Acuimega, Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Agrupación Marisqueo a flote de Carril, Agrupación Marisqueo a pé de Carril, Agrupación Marisqueo a pé de Noia, APM Amevila, APM A Pobra, APM Illa de Arousa, APM San Amaro, APM San Saturnino, APM Viladomar, APM Vilaxoán, APM 'Virxen do Carmen' Abanqueiro, APM Xidoiros, Asmecruz, Asociación Mexiloeira do Barbanza, Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Asociación Tralapena de Touro, Aspromeri, Confederación Intersindical Galega (CIG), Confraría da Pobra do Caramiñal, Confraría de Cabo de Cruz, Confraría de Cambados, Confraría da Illa de Arousa, Confraría do Grove, Confraría de Rianxo, Confraría de Vilanova de Arousa, Confraría de Vilaxoán, Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES), Ecoloxistas en Acción, Federación Arousa e Norte (FARN), Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Montescola, Mulleres Salgadas - Asociación galega de mulleres do mar, Opmega, Opmegal, Plademar Muros-Noia, Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo 'Cíes', Plataforma pola recuperación do Sar, Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino Non e Sindicato Labrego Galego (SLG).

Comentarios