CIG exixe a implicación real das Administracións para obrigar Alcoa a cumprir os acordos

O secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, asevera que os Gobernos español e galego non poden continuar na inacción "mentres Alcoa incumpre impunemente o pactado. É hora de actuar e deixarse de lamentos".
Unha protesta do persoal de Alcoa na Mariña en 2022. (Foto: Sabela Blanco / Europa Press)
photo_camera Unha protesta do persoal de Alcoa na Mariña en 2022. (Foto: Sabela Blanco / Europa Press)

Ante a grave situación que está a crear Alcoa no incumprimento dos acordos a CIG considera que é “necesario e urxente” adoptar toda unha serie de actuacións para garantir o futuro dos postos de traballo e do complexo industrial de San Cibrao. Neste camiño, “a implicación real das Administracións Públicas resulta fundamental e imprescindíbel”, salienta a central nacionalista.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asevera que os Gobernos español e galego non poden continuar na inacción "mentres Alcoa incumpre impunemente o pactado. É hora de actuar e deixarse de lamentos".

Afirma tamén que non é certo que non se poida buscar unha saída se Alcoa non ten vontade. "Ao contrario, sempre houbo que forzar Alcoa e mesmo impedir que executara os seus plans de desmantelamento e despedimentos".

Pero para lograr este obxectivo, apunta Carril, "cómpre unidade de acción ante Alcoa dende bases claras e concretas e non sobre meras declaracións de intencións".

No actual contexto, para a CIG son obrigadas unha serie de iniciativas que se desenvolvan de xeito simultáneo. Así, Alcoa debe cumprir xa os acordos, comezar o re-arranque das series e a execución dos investimentos no forno de ánodos.

“As empresas eléctricas coas que Alcoa ten subscrito PPA deben ser realidade xa, atendendo á capacidade de xeración de electricidade destas empresas, á potencia e megawatios que xa teñen adxudicados e aos datos de exportación de electricidade de Galiza, que cada ano vai en aumento. Non podemos seguir soportando a ameaza permanente de paradas de produción e peches de empresas sendo Galiza unha potencia xeradora de electricidade. O prezo da electricidade non pode ser seguir sendo unha escusa para Alcoa”.

O Goberno español ten que garantir que nos próximos Orzamentos Xerais do Estado figuren as partidas para que se acade o máximo que permite a UE no pago das compensacións por CO2, indica a CIG.

Así mesmo, prosegue o sindicato, no prazo máximo de 9 meses debe comprometerse coa aprobación das medidas reclamadas desde hai anos pola CIG e por todo sector -e que o Estatuto Electrointensivo non resolveu-, para ter dunha vez unha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva, como xa dispoñen noutros Estados da UE.

“Reiteramos a necesidade dunha tarifa eléctrica galega que contemple o estabelecemento dunha bonificación directa na factura eléctrica do 30% para as actividades económicas, tal e como a CIG leva anos reclamando”.

Comentarios