O comité de empresa de Alcoa ve o persoal "refén" da multinacional, que quere atrasar o arranque das cubas

A intención de Alcoa de atrasar o arranque das cubas da factoría de San Cibrao, no municipio mariñán de Cervo, provocou incerteza e rexeitamento no seu persoal. Esta terza feira, o comité de empresa reuniuse co Goberno español e hoxe agardan manter unha xuntancia coa propia multinacional.
O delegado do Goberno español, Pedro Blanco, en primeiro termo, na reunión telemática co comité de empresa de Alcoa (Foto: Delegación do Goberno español).
photo_camera O delegado do Goberno español, Pedro Blanco, en primeiro termo, na reunión telemática co comité de empresa de Alcoa. (Foto: Delegación do Goberno español).

A proposta por parte de Alcoa de atrasar o rearranque das 32 cubas da súa fábrica de aluminio de San Cibrao, en Cervo (A Mariña) reabre a incerteza entre o seu persoal. Na solicitude, realizada por carta, a multinacional estadounidense alega "perdas substanciais" este ano na planta, polo que o financiamento actual da que dispón "esgotarase nos meses vindeiros”.

Desde o comité de empresa lembran que a nova chega cando pasan máis de dous meses desde que se debería ter executado a fase de investimento do forno de cocción e, paralelamente, “demoleron o forno que agora se negan a construír, sendo isto unha posíbel descapitalización da empresa”. Para a representación sindical, “as contas de resultados que Alcoa falsamente utiliza como pretexto teñen como inicio da mentira 2020 e 2021 en perdas”, o que entenden que "unicamente se pode achacar á mala xestión de Alcoa no seu empeño de fechar o complexo de San Cibrao nos xulgados".

Neste sentido, engaden que, na pasada xunta de accionistas de Alcoa, Bill Oplinger -presidente da multinacional- “xa deixou claro que quere fechar o complexo e que o único que espera é chegar a un acordo cos sindicatos co único fin de liberarse xuridicamente das súas responsabilidades”. Esta idea explicaríase polo control nas decisións que aplican os dous fondos investimento máis importantes do mundo, Vanguard e BlackRock. Entre eles suman máis de 20% do capital de Alcoa e o seu obxectivo é xerar beneficios.

"Alcoa emprega aos traballadores como reféns", asegura a Nós Diario o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan (CCOO), “por iso ameaza co despedimento se o comité non acepta a autorización a Alcoa do incumprimento do acordo de viabilidade asinado”, engade. Ademais, este sindicalista cre que se repite "a situación de 2020 cando o avogado do Estado español demostrou a mala fé da multinacional".

Reunión do comité co Goberno español

Esta terza feira, o comité mantivo unha reunión telemática urxente coa secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, e co delegado do Goberno español, Pedro Blanco,coa intención de contar con máis información sobre esta decisión empresarial e a resposta do Goberno español ante esta situación. Na xuntanza, fontes do comité sinalan que a delegación estatal recoñeceu que Alcoa comunicou nunha reunión previa a súa "suposta sangría económica" e a intención de chegar a un acordo co persoal da empresa.

Ademais, Industria recoñeceu que a multinacional non concretou que condicións terían que darse nin cando pensaba arrancar as cubas nin falou de ningunha previsión de investimento. Por último, o Goberno español, preguntado pola representación sindical sobre a posibilidade de intervir a empresa en Cervo, asegura que está a estudar todas as opcións  e o que ten claro que non pode prescindir desta industria.

Empurrón para o comité

“O feito que o Estado non queira prescindir desta industria para nós é o empurrón que necesitabamos”, asegura José Antonio Zan. Coinciden nesta apreciación os delegados sindicais da CIG, Óscar Lara, e UXT, Diego Ballesteros, que tamén estiveron presentes na xuntanza. Para o primeiro, as palabras do Goberno español "foron o máis salientábel ao non contar con ningunha concreción por parte da empresa que nin pediu diñeiro nin enerxía".

Ballesteros, pola súa parte, sinala que a actitude de Industria na xuntanza "é o que nos queda de esperanza". O comité anunciou que hoxe terán unha xuntanza coa Xunta (19 horas) e outra mañá, pendente de confirmar, de seguimento do acordo de viabilidade.

Intervención, a opción de BNG, PSdeG e Podemos

BNG, PSdeG e Podemos manifestáronse esta terza feira sobre a situación de Alcoa. Desde Madrid, o deputado do BNG, Néstor Rego, asegura que defenderán a intervención e desde a Galiza, a cabeza de lista do Bloque pola provincia de Lugo, Olalla Rodil, apunta que o Goberno galego "ten que liderar unha resposta aos incumprimentos de Alcoa".

Podemos, pola súa parte, a través da deputada no Congreso Noemí Santana, afirma que enviou á presidenta da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), María Belén Gualda, para estudar a posible intervención publica de Alcoa.. 

Desde o PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegura que a intervención pública da planta de Alcoa "pode ser unha opción" para garantir a súa viabilidade mais avogou por priorizar o cumprimento do acordo por parte da empresa. 

Por último, desde a Xunta, o seu presidente, Alfonso Rueda, pide que Alcoa "aclare cales son as súas planificacións" e que traslade "que pensa facer para cumprir uns compromisos que están perfectamente asinados". Ademais, demanda "implicación" ao Goberno español. 


O comité de empresa exixirá que se cumpra o acordo

Amultinacional norteamericana emprazou á representación sindical do persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) para que manteñan hoxe ás 10 horas unha reunión coa proposta de aprazar o rearranque das cubas como principal punto do día. Se o presidente do comité, José Antonio Zan, cre que hai "mala fé" na actuación da compañía, para o responsábel da central nacionalista nas instalacións de Cervo, "a proposta de Alcoa é outro cravo máis despois de no facer o forno de cocción, non é admisíbel para nós e agardamos que dean outros motivos que non sexan os económicos". Neste sentido Lara apunta que "a situación agora non é peor que cando se asinou o acordo, todo o contrario, polo que creo que si agora non quere arrancalas tampouco quererá facelo cando toque".

En opinión da UXT, Diego Ballesteros, o seu delegado nesta empresa, indica en declaracións a Nós Diario que "non aceptaremos menos que realizar a totalidade dos investimentos como se pactou no seu momento". Este sindicalista entende que o persoal que ten Alcoa na súa factoría de San Cibrao "xa renegociou un acordo nunha ocasión pola mala xestión da compañía e non estamos dispostos a pasar por ese trauma".

Comentarios