O comité de empresa de Alcoa solicita a intervención pública da planta de Cervo

Besteiro reuniuse coa representación do persoal.
Besteiro (PSdeG) dá a man a Zan (comité de empresa de Alcoa) (Foto: Nós Diario).
photo_camera Besteiro (PSdeG) dá a man a Zan (comité de empresa de Alcoa) (Foto: Nós Diario).

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, mantivo esta cuarta feira unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa, da que tamén fixo parte o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco. Nesta reunión, a representación do persoal solicitou a "intervención pública" das plantas de produción de aluminio e alumina na Mariña, de modo que os acordos para a viabilidade das instalacións sexan desenvoltos "con ou sen Alcoa".

A parte social reivindicou o aluminio como un eido estratéxico

Neste sentido, o comité de empresa lembrou a compra de 10% de Telefónica e a disposición do presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, a entrar con capital público en máis firmas "estratéxicas", unha cualificación que, segundo lembrou a representación dos traballadores, foi designada polo Goberno estatal no seu caso, así como a declaración da súa condición de "esenciais".

Con este propósito, a parte social de Alcoa requiriu tanto ao Goberno estatal como á Xunta da Galiza que traballen de forma conxunta para facer posíbel unha intervención das plantas de produción da Mariña. "Outras empresas están dispostas a xestionar e dar viabilidade á nosa compañía e elas mesmas dixeron en reunións que estarían encantadas de que a Administración Pública tivese unha porcentaxe grande da empresa, de entre 25 e 50%", sinalou o comité de empresa.

Parques eólicos

Besteiro valorou o acordo "ao que chegou" esta terza feira coa vicepresidenta do Goberno do Estados español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, para desbloquear a instalación de parques eólicos necesarios para a subministración enerxética das plantas de Alcoa.

O socialista lamentou que se chegase a esta situación por culpa da “mala xestión da Xunta, que entregou ao límite e fóra de prazo a documentación precisa para a creación deses parques no 2024, deixando no aire o funcionamento de Alcoa e pondo en perigo máis de 1.000 postos de traballo".

A conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta, María Jesús Lourenzá, cualificou de "fundamental" que os parques eólicos "saian adiante", ao ser preguntada pola modificación da norma para desbloquear os proxectos que estaban pendentes para fornecer de enerxía á planta de Alcoa en Cervo, na Mariña.

Comentarios