Alcoa volve solicitar o atraso do rearranque das cubas da factoría de San Cibrao

Nunha carta enviada ao persoal, a multinacional explicou que espera "perdas substanciais" este ano na planta, polo que o financiamento actual da que dispón esgotarase nos "meses vindeiros".
Alcoa-2-1024x593-1
photo_camera Factoría de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Nós Diario)

A multinacional estadounidense Alcoa volveu solicitar esta segunda feira ao comité de empresa o atraso do rearranque das 32 cubas da súa fábrica de aluminio de San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña), que estaba previsto para o próximo 1 de abril. Neste sentido, a firma dos EUA chamou a unha reunión ao comité de empresa para analizar a situación.

A representación do persoal aceptou "por cortesía" mais lembrou que existe un "acordo asinado" que a compañía debe cumprir. Ademais, solicitou tamén unha xuntanza de urxencia tanto coa Xunta da Galiza como co Goberno estatal "a fin de coñecer de primeira man os contactos que ambas as Administración puideran ter mantido con Alcoa".

Nunha carta enviada ao persoal, a firma explicou que espera "perdas substanciais" este ano na planta, polo que o financiamento actual do que dispón, segundo sinala a empresa, esgotarase nos "meses vindeiros". Por isto, "analizando todas as formas posíbeis de aliviar esta situación" co obxectivo de "traballar a longo prazo", Alcoa comprometeuse a buscar "calquera acción" para facer "viábel" o negocio, pedindo "flexibilidade e apoio" ás partes.

Alcoa solicitou que se atrase a data de rearranque das cubas, para "protexer o efectivo dispoñíbel", vendo esta posibilidade como unha "oportunidade", debido a que, de non facelo, gastaríanse de forma máis rápida "os fondos existentes", non tendo isto "sentido económico".

Precisamente esta segunda feira, o xefe de operacións da planta de aluminio en San Cibrao, Rubén García, deixou a empresa por motivos persoais. Substituirao con carácter interino Joaquín Fernández.

O BNG visita o persoal

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a cabeza de lista nacionalista por Lugo nas eleccións galegas, Olalla Rodil, reuníronse esta segunda feira co comité de empresa de Alcoa. “Se a factoría incumpre os compromisos, o BNG defenderá no Estado unha intervención pública para manter os traballos”, dixo Rego. "Se gobernamos a Xunta haberá participación pública do Goberno galego", apostilou Rodil.

Comentarios