A CIG denuncia "persecución" da concesionaria do servizo de limpeza do Hula a traballadores que se poñen enfermos

O sindicato afirma que Serveo contratou servizos médicos extrernos "para que, na práctica, faga un control do absentismo e presione o persoal para que acurte o máximo posíbel a duración das baixas".
Acceso principal do HULA, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acceso principal do HULA, en Lugo. (Foto: Nós Diario)

A área de servizos da CIG de Lugo vén de denunciar a "persecución" da empresa concesionaria do servizo de limpeza do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) aos traballadores e traballadoras que se poñen enfermos, e exixe o cesamento destas actuacións.

Baixo a "escusa" de realizar un seguimento "máis efectivo" e "mellorar a atención" das persoas en situación de incapacidade temporal, a compañía Serveo, afirman desde a central sindical, contratou en febreiro os servizos médicos externos de Tebex "para que, na práctica, faga un control do absentismo e presione o persoal para que acurte o máximo posíbel a duración das baixas".

"Desde que esta empresa externa —que non é a mutua que lle xestiona a cobertura das prestacións— comezou a operar, cada vez que unha traballadora cae de baixa, deseguido é citada por teléfono para acudir a un centro privado como Polusa ou outra clínica, aínda que teña dificultades para moverse polo seu estado de saúde", aseguran.

Mais, para a CIG, "o peor é que, de maneira habitual, cando a traballadora acode ao lugar indicado, dinlle que non a poden atender e vólvena citar noutro centro outro día, e volve pasar o mesmo".

A portavoz Asunción Castiñeira advirte que o persoal acode a estes servizos médicos "aínda que sexa arrastras" porque, "pola contra, reciben ameaza de retirarlle o complemento de IT por continxencias comúns que paga a empresa por convenio".

A finalidade, entende Castiñeira, "non é mellorar a atención senón fiscalizar a saúde dos traballadores, dando por suposto que cando collen unha baixa están a cometer unha fraude".

Así, acusa Serveo de pagar a esta compañía para "exercer de elemento intimidatorio e presión" sobre o persoal "en lugar de destinar ese diñeiro a analizar e adoptar as medidas necesarias para previr, precisamente, as situacións e condicións laborais que provocan que os traballadores acaben enfermando".

Comentarios